Galicia vén de presentar a súa candidatura á convocatoria sobre envellecemento activo e vida saudable do European Institute of Technology (EIT), organismo que fomenta o potencial de innovación de Europa no seu conxunto promovendo Comunidades de Coñecemento e Innovación (KICs). As KICs están formadas por destacados expertos en eidos como educación, investigación, emprendemento e industria para responder, de forma conxunta, aos grandes retos aos que se enfronta a sociedade europea.
Galicia formou parte dunha macroproposta de constitución da comunidade LifeKIC, na que participan nove rexións europeas de referencia nesta temática e que involucrou a expertos de máis de 12 países e cerca de 300 institucións; e supuxo máis de dous anos de negociacións. Neste sentido, LifeKIC contempla que o nodo español se comparta entre Galicia e o País Vasco, rexións españolas de referencia en envellecemento activo e vida saudable.
A Consellería de Sanidade, a través da súa Dirección Xeral de Saúde Pública e Innovación, foi a que liderou a participación galega en LifeKIC, mobilizando a 25 organizacións de diversa índole. A proposta inclúe entre outros socios ao Sergas, a Axencia Galega de Innovación, a Consellería de Traballo e Benestar, as tres universidades galegas e axentes destacados do mundo empresarial e de investigación como o Grupo PSA Peugeot, Televés, o Cluster da Saúde, Gradiandt e os Institutos e Fundacións Biomédicas de Galicia.
Mobilización de 4.750 millóns en proxectos de innovación
LifeKIC espera mobilizar, de forma conxunta, máis de 4.750 millóns de euros en proxectos de innovación, cunha contribución directa do EIT de arredor 428 millóns de euros. O financiamento destinarase á xeración de empresas, produtos e servizos no ámbito do envellecemento activo e a vida saudable, para converter a Europa nunha sociedade líder na xestión da poboación maior de 65 anos.
O primeiro obxectivo é que todos os europeos gocen de polo menos de dous anos de vida máis de vida saudable; e ao mesmo tempo se xeren en Europa cerca de 500 novas empresas, máis de 5.700 novos postos de traballo e se implementen máis de 3.000 proxectos colaborativos de innovación e investigación, destinados a aumentar a calidade asistencial dos sistemas de saúde europeos de forma sostible. LifeKIC compite con outras propostas internacionais, e o EIT anunciará a KIC ganadora a finais de ano.
Rexístrate como: