Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pantalla que corrixe a vista

As pantallas que corrixen a vista poderían facernos esquecer das lentes

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 29/08/14 (10:22)

Un prototipo desenvolvido por científicos de MIT Media Laboratory e a Universidade de California en Berkeley, podería converterse na solución do mañá das persoas con problemas de visión.

En concreto trátase dunha tecnoloxía deseñada para as pantallas dos dispositivos electrónicos que é capaz de corrixir automaticamente as deficiencias visuais das persoas con miopía, hipermetropía ou astigmatismo.

Para iso os científicos desenvolveron un software capaz de axustar a luz emanada por cada píxel usando un filtro que se fixa na pantalla do dispositivo. O prototipo probouse usando un iPod Touch ao que aplicaron o filtro transparente e unha cámara DSLR modificada para simular os problemas de visión próxima e afastada.

Ao pasar polos orificios pequenos que compoñen o filtro, os raios de luz conseguen modificar a imaxe inicial en función da deficiencia visual específica da persoa para facela chegar ás distintas partes da súa pupila máis nítida e clara.

 

Unha tecnoloxía non invasiva que pode servir nas tarefas do traballo

O máis sorprendente desta tecnoloxía innovadora é que se ata agora as persoas con problemas de visión corrixían a súa vista usando lentes ou lentes de contacto, co novo prototipo adaptado ás pantallas o mesmo proceso realizaríase a través de algoritmos suficientemente intelixentes para predicir como se distorsiona a imaxe co fin de poder axustala antes de que chegue á retina da persoa.

Comparadas coas técnicas invasivas das intervencións cirúrxicas, a tecnoloxía das pantallas que corrixen a vista presenta vantaxes considerables nas actividades que supoñen a interacción co contido dixital, especialmente no caso das persoas que pasan moito tempo diante das pantallas. Está claro que non será unha solución para eliminar definitivamente as lentes ou lentes de contacto pero para algunhas persoas con trastornos máis complicados podería axudarlles a manterse no posto de traballo:

"Persoas con trastornos de alta orde presentan ás veces irregularidades na forma da córnea e, por tanto, poida que teñan dificultades á hora de atopar unhas lentes que se adapten ben. Nalgúns casos pódese converter nun risco de perder o posto de traballo porque unha das tarefas principais de moitas persoas consiste en mirar as pantallas. Esta investigación podería mellorar as súas vidas", comentan os científicos.

A tecnoloxía das pantallas que corrixen as deficiencias visuais foi concibida para axudar ás persoas que deixen de lado as súas lentes cando estean nos seus coches e teñan que consultar a pantalla dos seus monitores GPS, cando estean a ler os seus ebooks, os seus móbiles ou as pantallas dos computadores.

En canto aos plans de futuro, os científicos de MIT declaran que teñen intencións de reducilo a un dispositivo moi fino, capaz de adaptarse a calquera sistema electrónico. A investigación presentarase dentro da conferencia sobre computación gráfica que terá lugar este mes en Vancouver.

Tema: Xeral
Fonte: TICbeat
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal