Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Centro Afundación A Coruña

Afundación na Coruña acollerá en setembro o I Foro de Empresa Responsable organizado por Cruz Vermella

  • O encontro está dirixido ás pemes galegas que queiran mellorar as súas estratexias en Responsabilidade Social Empresarial
  • Celebrarase o 19 de setembro e a inscrición está aberta en www.foroempresaresponsable.com
Versión para impresiónSend by email
Afundación, 18/08/14 (08:45)

O I Foro de Empresa Responsable, que se desenvolverá no Centro Sociocultural de Afundación na Coruña, Cantón Grande s/n, o vindeiro 19 de setembro, está dirixido fundamentalmente ás pequenas e medianas empresas galegas que queiran mellorar as súas estratexias de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e emprego. A inscrición, que é libre e gratuíta, pode realizarse en www.foroempresaresponsable.com.

O encontro, organizado por Cruz Vermella en Galicia e que conta coa colaboración da Fundación Galicia Obra Social (Afundación), pretende amosar un modelo de conduta empresarial que sirva como referente e, deste xeito, intentar lograr un cambio na actuación das empresas do contorno: «na maioría dos casos, a organización non coñece as ferramentas que ten ao seu alcance, nin como acceder a elas para poder avanzar nesta liña, polo que animamos aos seus responsables a que participen e poidan achegar a súa empresa á RSE», destacan os organizadores.

O foro celebrarase entre as 9.00 e as 14.00 h e nel participarán expertos en desenvolvemento organizacional, RSE, comunicación e dirección de persoas que abordarán conferencias sobre Responsabilidade Social Corporativa: Marketing, solidariedade ou rendibilidade sostible?, O modelo de Responsabilidade Social Empresarial aplicado á Peme ou Como xerar emprego nunha empresa. Así mesmo, participarán nun debate sobre varios casos de referencia de RSE a nivel nacional.

O encontro forma parte das actividades que desenvolve Cruz Vermella dentro do seu plan de emprego, un programa integrado por diversos proxectos que teñen como obxectivo a inserción laboral de persoas que deben salvar máis obstáculos dos habituais para acceder a un emprego. Un grupo de profesionais ofrecen de xeito gratuíto orientación, formación, preselección de candidaturas e xestión de ofertas para as empresas. Así mesmo, as organizacións interesadas en colaborar poden realizar ofertas de emprego, axudar na formación do persoal da Cruz Vermella ou apoiar economicamente a inserción sociolaboral de persoas en situación de dificultade, entre outras accións.

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación), entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

Tema: Xeral
Fonte: Santiago
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal