Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Centro de Emprendemento do Gaiás

Cultura e Educación lanza na cidade da cultura un programa formativo práctico para interesados en crear novas empresas

  • O Centro de Emprendemento do Gaiás acollerá ‘Teño unha idea e agora que? Programa práctico para a creación de novas empresas’, curso de balde destinado a apoiar os emprendedores galegos
  • O curso, con 25 prazas e de 60 horas de duración, ten unha clara orientación práctica e busca guiar nos procesos iniciais de lanzamento dun proxecto, así como nas técnicas para consolidalo e facelo medrar
     
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 18/08/14 (08:37)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, pon en marcha o curso ‘Teño unha idea e agora que? Programa práctico para a creación de novas empresas’ dentro da súa liña de actividades destinadas a apoiar os emprendedores no eido cultural e das industrias creativas.

Este novo curso terá lugar no Centro de Emprendemento do Gaiás e constará dun total de 60 horas de duración, repartidas en diferentes xornadas entre o 10 de outubro e o 4 de decembro. Terá 25 prazas e será totalmente de balde.

Organizado polo Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia, o curso será impartido en boa medida por emprendedores instalados no Coworking Gaiás, en función das áreas na que son especialistas e tamén coa participación de firmas expertas alleas a este espazo con notable experiencia no ámbito da formación. Preséntase, polo tanto, como unha iniciativa conxunta que reflicte o espírito de colaboración e de traballo en rede do Coworking Gaiás no que están a desenvolver o seu proxecto 32 profesionais.

Os participantes neste programa formativo, cunha clara orientación práctica, aprenderán procedementos e técnicas para a xestión de pequenas e medianas empresas, como a definición dun plan de empresa e modelo de negocio ou conceptos fundamentais de xestión laboral, contabilidade e finanzas. Estes contidos están adaptados para facelos accesibles a un público non experto.

Por outra banda, os alumnos formaranse en estratexias e habilidades especialmente útiles no eido do emprendemento e na consolidación de pemes durante os seus primeiros anos de vida, como marketing online, coaching, comunicación empresarial ou estratexias para captación e fidelización de clientes.

O curso conta con seis módulos diferentes:

  • Proxecto de empresa e plan de negocio.
  • Administración da empresa cultural: aspectos xurídicos, fiscais e xestión financeira e económica.
  • Marketing e comercialización: ferramentas informáticas.
  • Vendas: claves para captar novos clientes, técnicas e habilidades de venda.
  • Motivación e responsabilidade social corporativa.
  • Coaching.
Conferencia de Juan Royo

A apertura do curso correrá a cargo de Juan Royo, considerado unha das figuras máis influentes en redes sociais en materia de responsabilidade social corporativa en España e fundador e director da revista online culturaRSC.com. A xornada contará cun obradoiro onde se analizarán novas formas de analizar e debater o emprendemento.

Os interesados neste programa formativo do Centro de Emprendemento poderán inscribirse en todo o curso ou ben en algún ou varios dos módulos ou conferencias do programa. A reserva de prazas pode facerse na www.cidadedacultura.gal.

Centro de Emprendemento

Na súa vocación de converterse nun espazo para a cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, a Cidade da Cultura impulsa nun dos seus catro edificios o Centro de Emprendemento, no que se engloba un espazo de coworking e un viveiro de empresas, e que en setembro sumará o proxecto destinado ao emprendemento tecnolóxico: Galicia Open Future, en alianza con Telefónica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Tras a boa acollida do espazo Coworking Gaiás, a Cidade da Cultura lanzou este verán o Viveiro Gaiás, destinado a acoller empresas que están a dar o seus primeiros anos e que buscan unha contorna axeitada para desenvolverse.

A previsión é que, a finais deste ano, o Centro de Emprendemento do Gaiás acolla un cento de proxectos, consolidándose como un motor do apoio a innovación empresarial a xeración de novas empresas en Galicia.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal