Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
aspacenet

Seis novas entidades súmanse ao proxecto #ASPACEnet

O proxecto #ASPACEnet segue crecendo. Máis de 50 persoas con parálise cerebral beneficiaranse directamente do novo equipamento tecnolóxico para traballar competencias como a comunicación, a interacción e a estimulación da expresividade artística e outras habilidades. As seis entidades que se suman a #ASPACEnet despois de gañar a cuarta edición do Concurso Nacional de Proxectos en Tecnoloxías de Apoio e Comunicación son Aremi Lleida, ASPACE Cáceres, ASPACE Xaén, ASPACECIRE de Cidade Real, ASPACE Oviedo e APACE Toledo.

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 08/08/14 (08:24)

Os proxectos gañadores destacan pola súa innovación e polo fomento dunha gran participación e autodeterminación das persoas con parálise cerebral. Así, o proxecto de Aremi Lleida consiste na elaboración, por parte dos mozos e mozas da escola e o centro ocupacional, dunha revista dixital que tamén poderá seguirse polas redes sociais. O proxecto de ASPACE Xaén quere aproveitar a tecnoloxía dispoñible para elaborar un calendario anual coa participación e implicación de todos os colectivos da entidade. Pola súa banda, desde ASPACE Cáceres poñerán en marcha un proxecto para mellorar a comunicación e as relacións sociais e familiares dos usuarios do centro de día, mediante o uso de tecnoloxía de apoio tanto dentro do centro como nas actividades semanais de lecer e deporte. No caso de ASPACECIRE de Cidade Real, implementarán un taller de ilustración onde os usuarios sexan capaces de cambiar, coa mellora de recursos tecnolóxicos e nocións básicas de deseño gráfico, a condición física dos personaxes dos contos. E por último, ASPACE Oviedo e APACE Toledo levarán a cabo unha experiencia innovadora, xa que desenvolverán un blogue de noticias xestionadas conxuntamente con usuarios de ambos os centros, que utilizarán ferramentas como a videoconferencia e o proxecto aMiAlcance para manter o contacto.

Os seis centros de Confederación ASPACE premiados recibirán material tecnolóxico adaptado que lles permitirá levar a cabo os seus proxectos. #ASPACEnet é un proxecto que Confederación ASPACE e Fundación Vodafone España puxeron en marcha en 2011 e que ten como misión facilitar e fomentar o uso das novas tecnoloxías entre as persoas con parálise cerebral. Actualmente, xa mellorou as infraestruturas en novas tecnoloxías de dezaoito entidades ASPACE, ás cales agora se suman as seis últimas premiadas.

Confederación ASPACE e Fundación Vodafone España apostan pola promoción da investigación e a transferencia do coñecemento para que as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) supoñan unha plena inserción social das persoas con parálise cerebral, xa que as tecnoloxías de apoio e de comunicación alternativa son claves para que as persoas con parálise cerebral se relacionen e se comuniquen coa súa contorna, e exerzan a súa participación social con autonomía e igualdade de condicións.

Tema: Xeral
Fonte: Aspace
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal