Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Ancián xogando

Xogos de computador para tratar a depresión en anciáns

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 06/08/14 (10:59)

Un estudo publicado esta semana na revista Nature Communications revela que os xogos de computador cognitivos poden aliviar os síntomas de depresión en anciáns que non responden ben o tratamento con fármacos.

Segundo sinala a Sinc Sarah Shizuko Morimoto, do Instituto de Psiquiatría Gerátrica, en Nova York, autora principal do traballo, "ao redor do 40% das persoas maiores con depresión teñen deterioración nas funcións executivas, aquelas relacionadas coa planificación e a organización da conduta".

A investigadora, en colaboración con Bruce Wexler, da Universidade de Yale, e outros colegas de universidades de EE UU e China, desenvolveron xogos de computador "para adestrar aos pacientes na mellora destas disfuncións que impiden que os fármacos antidepresivos funcionen nestas persoas".

"Os xogos teñen a misión de mellorar as funcións executivas e tamén outras baseadas en circuítos neuronais similares ou coincidentes", engade a investigadora.

O programa de adestramento cognitivo foi probado con once anciáns resistentes a tratamentos con medicación, cuxas idades ían dos 60 aos 89 anos. Os científicos comprobaron que os xogos melloraban os síntomas na mesma medida que o fai o escitalopram, o fármaco antidepresivo estándar para estas terapias.

 

Xogos adaptados

Shizuko Morimoto explica que os xogos se deseñaron "para adaptarse ao nivel de habilidade de cada individuo e púxose especial énfase en que fosen adecuados, atractivos e retadores. Cando a capacidade do individuo melloraba, corrixíase o nivel de dificultade con obxecto de que permanecese no rango indicado para inducir a neuroxénese", agrega.

Ademais, os programas foron deseñados para que fosen capaces de rexistrar cada resposta dos participantes e xerar información sobre se os xogos se realizaban segundo o previsto. "Os nosos pacientes deprimidos foron adestrados no xogo durante trinta horas nun período de catro semanas, é dicir, aproximadamente oito horas semanais", di.

Os xogos cognitivos permiten reforzar as funcións executivas dos pacientes, o que se traduce nunha remisión da depresión nun 70% dos casos

Os investigadores atoparon que os pacientes que previamente non responderan aos antidepresivos melloraron nos seus déficits executivos e tamén se reduciron os síntomas de depresión. "De feito " engade a científica", aproximadamente o 70% deles tivo unha remisión completa da depresión".

Na súa opinión, "a recuperación das funcións executivas é particularmente importante porque hai evidencias que indican que, aínda que os pacientes melloren coa terapia con antidepresivos, se a súa disfunción executiva se manten, quedan vulnerables ante futuras recaídas".

 

Reforzo das funcións executivas

O reforzo nas funcións executivas tamén se transferiu a outros aspectos cognitivos que non estaban previstos no experimento. Os efectos mantivéronse durante tres meses despois do tratamento, engade a experta.

Para a investigadora, a depresión no contexto dun envellecemento do cerebro é unha enfermidade multifactorial, con múltiples etioloxías e resultados. "As novas terapias con xogos de computador cognitivos poderán ser de gran utilidade naqueles casos nos que os pacientes non respondan ben a tratamentos con fármacos e mesmo se poderán aplicar para mellorar a eficacia dos medicamentos existentes".

Outro achado destacado da investigación é que a saúde e o funcionamento dos circuítos cerebrais responsables das funcións executivas son importantes para a recuperación da depresión.

Tamén se demostrou que a rehabilitación cognitiva é un novo enfoque non invasivo no tratamento da depresión, que, ata o momento, afrontábase principalmente con medicamentos e psicoterapia.

"A nosa perspectiva pódese estender a outros trastornos mentais mediante a reprogramación dirixida aos circuítos cerebrais afectados por eses trastornos", destaca

Por agora, os xogos non están dispoñibles no mercado. "Cando teñamos datos de ensaios máis definitivos poderemos lanzalos", di Sarah Shizuko Morimoto. Con todo, a investigadora anima a calquera investigador que queira colaborar ou probar os seus xogos a que se poña en contacto con ela. Os pacientes "deberán esperar, agás se viven preto de Nova York, nese caso poderían participar no ensaio clínico que estamos a levar a cabo agora", engade.

Tema: Xeral
Fonte: Sinc
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal