Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Biblioteca Pública Nodal

A Consellería de Cultura e Educación programa un curso de informática e obradoiros infantís durante o mes de agosto na Biblioteca Nodal

  • 10 nenos e nenas comezanron o luns a formarse no manexo de ficheiros no ordenador, utilización do procesador de textos e internet
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 05/08/14 (12:13)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa para o mes de agosto distintos obradoiros artísticos e de informática para os máis pequenos na Biblioteca Nodal de Lugo.

Así, o luns deu comezo un curso básico de informática que se desenvolverá en doce xornadas ao longo do mes e no que participan 10 nenos e nenas que aprenderán nocións sobre o manexo de ficheiros, a utilización do procesador de textos e internet.

Para este xoves, ás 12 da mañá, está previsto un obradoiro dirixido a pais e fillos titulado Facemos a nosa casa, cuxo obxectivo é estimular a imaxinación e a creatividade, traballar a plasticidade fina e a destreza, e ademais fomentar a comunicación entre os membros da familia.

O día 14 celebrarase o obradoiro A porta dun conto, no que os rapaces escoitarán un conto e pasarán a anotar con debuxos os aspectos que mais lles chamaron a atención. A semana seguinte, o día 21, terá lugar na sala infantil o obradoiro de manualidades Artellar, no que dunha forma creativa e instrutiva, fomentarase a creatividade e o desenvolvemento da comprensión espacial e da motricidade.

A programación infantil pecharase o xoves 28 co obradoiro Pequenos creadores, no que os participantes farán creacións coas súas propias mans. Todas estas actividades desenvolveranse en horario de mañá –das 12 ás 13 horas-, están dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos e é preciso inscribirse con anterioridade.

O centro expón obras de pintura, escritura creativa, restauración do moble e encadernación así como as mostras bibliográficas Bo proveito! Lecturas saborosas e Misterios con lupa: Quén foi? Por qué o fixo? Onde se agocha?.

Por outra banda, a Biblioteca continúa ofrecendo visitas guiadas –previa solicitude- os martes e os xoves, así como formación de usuarios todos os mércores ás 12, para que os socios coñezan e aproveiten mellor os recursos do centro.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal