Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Aplicación en Android

Disabledpark, unha nova aplicación que atopa aparcadoiro para persoas con discapacidade

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 01/08/14 (08:39)

DisabledPark é unha nova aplicación móbil deseñada para atopar as prazas de aparcadoiro destinadas a persoas con discapacidade. Actualmente ten localizadas 25.000 prazas en 130 cidades e municipios de toda España.

A empresa foi creada por catro socios de Elche que puxeron en marcha esta aplicación móbil que localiza prazas de aparcadoiro para persoas con discapacidade da que xa se benefician 4.000 usuarios.

“A idea xurdiu da necesidade real que temos as persoas con mobilidade reducida, xa que utilizamos este tipo de aparcadoiros e non sempre sabemos onde están”, declarou a Servimedia a cofundadora da App, Ana Puertas.

“Un día fun cos meus compañeiros a unha cidade na que aparcamos nun parking privado, con prazas para persoas con discapacidade, pero que non estaba adaptado e tivemos que saír pola rampla dos coches”, engadiu.

Segundo Puertas, “foi nese momento cando pensamos que como, nos tempos que estamos, non existía ningunha aplicación para saber onde están as prazas de aparcadoiro para as persoas con discapacidade e decidimos resolver ese problema creando DisabledPark”.

Co obxectivo de facilitar a vida ás persoas con mobilidade reducida, esta App pódese descargar de maneira gratuíta en sistemas Android e IOS.

“Introdúcese o destino, selecciónase a praza que sexa máis cómoda e DisabledPark calcula a ruta ata o aparcadoiro. Así funciona esta App, que coa axuda do localizador do móbil sitúa os parkings para persoas con discapacidade”, explicou Puertas.

Para o seu desenvolvemento necesitouse a colaboración dos concellos, pero ademais os usuarios resultaron fundamentais xa que, “cando atopan unha praza e esta non está situada na App sitúanse encima dela, pulsan o botón de engadir e automaticamente localízase na web”, recalcou a cofundadora.

Actualmente, só se utiliza en España, pero grazas aos usuarios que envían localizacións desde cidades como Londres, Dublín ou Suecia, preténdese estender ao resto de Europa e do mundo.

O próximo reto ao que se enfronta DisabledPark é que a App conecte cos sensores das Smart Cities para saber se as prazas de aparcadoiro están ou non ocupadas.

Doutra banda, tamén pretenden adaptar grandes eventos como concertos ou feiras para que as persoas con mobilidade reducida poidan acudir sabendo que van ter un espazo adaptado no que non teñan que depender de ninguén.

Tema: Xeral
Fonte: SERVIMEDIA
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal