Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Lente de contacto

Unhas lentes de contacto autoenfocan e miden os niveis de glicosa

  • Esta tecnoloxía tamén podería permitir a administración de fármacos, a detección de cancro, a visión nocturna e a realidade aumentada.
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 31/07/14 (09:47)

Hai uns días Google e Novartis anunciaron que se van a asociar para desenvolver unhas lentes de contacto que controlen o nivel de glicosa do usuario e enfoquen automaticamente. Ademais, poderían ser o principio dunha categoría de produtos nova e enxeñosa. Desde a detección do cancro e a administración de medicamentos á realidade aumentada e a visión nocturna, os nosos ollos ofrecen oportunidades únicas tanto para vixiar a nosa saúde como para potenciar as nosas capacidades.

"Chegou o momento de poñer un diminuto computador e unha chea de tecnoloxía en miniatura nas lentes de contacto", afirma o director de investigación e desenvolvemento da división ocular de Novartis, Franck Leveiller.

Un dos prototipos de lente de contacto xurdidos da colaboración entre Novartis e Google contén un dispositivo do tamaño dunha mota de purpurina que mide o nivel de glicosa nas bágoas. Unha antena inalámbrica transmite esa medida a un dispositivo externo. Está deseñada para facer a vida máis levadía aos diabéticos, que teñen que picarse os dedos para medir o seu nivel de azucre no sangue.

"Teño moitos pacientes diabéticos que describen o día a día da enfermidade como ter un traballo a tempo parcial por todo o que dedican a xestionala", explica o director da sección de lentes de contacto e córnea da Asociación Americana de Optometristas, Thomas Quinn. "Ter unha forma de facilitarlle ese labor aos pacientes e conseguir que recuperen parte da normalidade na súa vida é moi emocionante".

E a glicosa non é o único que se pode medir nas bágoas aforrándonos unha análise de sangue, explica Quinn. As bágoas tamén conteñen unha sustancia química chamada lacriglobina que serve como biomarcador para os cancros de mama, colon, pulmón, próstata e ovarios. Facer un seguimento dos niveis de lacriglobina podería ser especialmente útil para os pacientes con cancros en remisión, explica Quinn.

Quinn tamén cre que a administración de fármacos pode ser outro dos usos das lentes de contacto. Sostén que se unha lente fose capaz de liberar medicación lentamente o longo de períodos prolongados, sería mellor para os pacientes que as doses concentradas que proporcionan os colirios. Con todo fabricar unha lente destas características non é fácil (ver "Unhas lentes dispensadoras de fármacos").

A lente de contacto con autoenfoque está nas súas primeiras fases de desenvolvemento, pero o obxectivo é que adapte a súa forma dependendo de cara a onde mire o ollo, algo especialmente útil para quen necesita lentes de preto. Un prototipo da lente de contacto usa fotodiodos para detectar a luz que entra no ollo e decidir se este está a mirar cara abaixo. Leveiller explica que o equipo tamén está a explorar outras posibles técnicas.

Google e Novartis non son, nin de lonxe, os únicos interesados en mellorar as lentes de contacto con novas capacidades. En Suecia, unha empresa chamada Sensimed está a traballar nunha lente de contacto que mide a presión intraocular que resulta da acumulación de líquido nos ollos dos pacientes con glaucoma. E investigadores da Universidade de Michigan (EEUU) están a usar grafeno para facer lentes de contacto sensibles aos infravermellos, coa intención de que algún día permitan unha forma de visión nocturna sen ter que poñerse un aparatoso casco.

Mentres, unha empresa con sede en Seattle (EEUU), Innovega, desenvolveu unha lente de contacto cunha pequena zona que filtra bandas específicas de luz vermella, verde e azul, dando aos usuarios a posibilidade de enfocar a vista nunha pantalla de alta resolución moi pequena a dous centímetros do ollo sen interferir na visión normal. Iso fai que unhas diminutas pantallas enganchadas ás lentes parezan pantallas de cinema IMAX , explica o director executivo da empresa, Steve Willey. O sistema conxunto de lentes de contacto e pantalla chámase iOptik.

Quedan moitos retos por diante antes de que todos andemos por aí con visión supernocturna que detecte o cancro, administre medicamentos e controle os nosos niveis de glicosa. Algúns dos prototipos son demasiado grosos, explica Quinn, e algúns usan electrónica ríxida tradicional, cando sería preferible que usasen unha alternativa transparente e flexible. E, evidentemente, todos terán que pasar por controis para demostrar a súa seguridade e eficacia.

O director da división de coidados oculares de Novartis, Jeff George, é moi optimista respecto da lente de contacto intelixente de Google. "O equipo de Google X autodenomínase 'fábrica de misións imposibles'. Dado o que vimos, eu diría que isto é máis posible que imposible".

Tema: Xeral
Fonte: MIT Technology Review
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal