Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
SenseApp

Sense, un dispositivo intelixente que coida o teu sono

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 28/07/14 (09:51)

Cunha suma de case 400.000 dólares recadada en só dous días desde o inicio dunha campaña en Kickstarter que durará un mes, un grupo de deseñadores e enxeñeiros de San Francisco, California prepáranse para lanzar un dispositivo que pode cambiar a vida de moitas persoas. O dispositivo, que ten unha forma parecida a unha pelota de tenis, inclúe un "exército" de sensores que están programados para vixiar o corpo nuns dos seus momentos máis vulnerables: o sono.

Sense, nome que fai referencia á súa gran capacidade de detectar cambios do ambiente, é considerado polos seus creadores o primeiro sistema que combina o coñecemento dos patróns do sono con datos sobre a contorna do usuario para asegurarlle un sono tranquilo e sen interrupcións, nin sequera cando toca levantarse da cama. O aparello ten incorporado unha alarma intelixente que esperta á persoa no momento adecuado do seu ciclo de sono para evitar a sensación de cansazo que se experimenta con outros sistemas de alarmas habituais.

 

Sleep Pill e unha aplicación móbil, entre os complementos de Sense

Se a tecnoloxía achega moitos beneficios, é inevitable que non presente tamén lados negativos. Un deles afecta o bo desenvolvemento do proceso de sono. Unha investigación do equipo que creou Sense indica que, ademais das persoas conscientes que non pasan ben as noites, hai outras que nin sequera se dan conta diso. O descanso durante a noite convértese nun elemento moi importante que inflúe directamente no rendemento das actividades diarias.

Motivados a mellorar o sono, os desarrolladores de Sense pensaron nun produto que sexa fácil de usar, sinxelo e práctico. O dispositivo ten un deseño minimalista que lle permite unha instalación cómoda en calquera sitio da habitación. A carcasa de policarbonato que cobre o aparello en forma de pelota de tenis funciona como unha malla que protexe os compoñentes internos.

Está dispoñible en dúas cores, branco e gris escuro e vén acompañado por Sleep Pill, outro sensor que se coloca na almofada mentres que unha aplicación móbil para Android e iOS permitiralle ao usuario xestionar e visualizar os datos que Sense capta durante a noite. Pero a parte máis interesante, desde logo, está escondida detrás da súa carcasa.

 

Un cúmulo de sensores para un sono tranquilo

"Sense usa a tecnoloxía para que podamos recuperar o noso sono, sen que se impoña e sen intrusión. O dispositivo está deseñado para facer que todo desapareza e que traballe por ti mentres estás a durmir", declaran os membros do equipo.

A característica máis importante que lle permite percibir todos os cambios do ambiente está asegurada polo conxunto de sensores co que vén equipado. Un sensor de luz ambiental controla o nivel de luz da habitación, sensores de temperatura e humidade axúdanlle a recomendar as mellores condicións de sono e un sensor de partículas pode detectar a menor partícula que flota no aire.

Os datos máis importantes sobre o momento no que o usuario está durmido, está a piques de espertarse ou outras fases intermedias do ciclo de sono están captados polo Sleep Pill, o sensor que se engancha na almofada. A información envíase ao dispositivo de maneira inalámbrica e sen ter que sincronizar os dous dispositivos previamente. Desta forma Sense recolle todos os datos que indiquen unha interrupción do ciclo de sono e visualízaos mediante a aplicación móbil. Ao principio do día o usuario pode consultar o seu "mapa" de sono. Se durmiu ben o indicador numérico achegarase a 100, en caso contrario leste terá un valor máis reducido.

A parte máis importante é que o dispositivo se converte no mellor gardián durante a noite. O feito de que o usuario teña a información necesaria para explicar os distintos estados que quedan predominantes despois do seu ciclo de sono convértese nunha gran axuda. De aquí a eliminar os factores perturbadores e ter unha vida máis relaxada e eficiente queda só un paso. O dispositivo está ao seu comezo, faltarán concluírse as fases de avaliación de deseño e produción despois de pasar con éxito a validación técnica, pero xulgando polo seu deseño intelixente Sense non atopará obstáculos para converterse nun produto con moito potencial.

Tema: Xeral
Fonte: TICbeat
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal