Os desenvolvementos de eLABORO continúan a facilitar o achegamento dos cidadáns aos seus concellos a través do móbil, e agora preséntase en sociedade a ferramenta City4boqueixon, que facilita que os veciños de Boqueixón poidan instalar nos seus móbiles con Android unha aplicación que permite comunicar incidencias á Administración local, o que facilita a súa solución e permite tamén facer un seguimento por parte dos responsables locais e dos cidadáns preocupados.
Unha vez descargada a aplicación, un usuario só ten que indicar o tipo de incidencia (segundo afecte aos servizos e espazos municipais, como auga, rede de sumidoiros, mobiliario urbano ou espazos verdes) e a súa localización, para que a información sexa derivada ás persoas responsables de resolver o problema, recibindo o usuario unha mensaxe confirmando tanto a notificación da incidencia como a súa solución (cando se execute).
City4boqueixon tamén permitirá recibir avisos urxentes do Concello, nos que a inmediatez é crucial, como casos de persoas perdidas, temporais, desprendementos en estradas, cortes de auga e outros. O sistema de avisos á poboación é unha mellora da aplicación que se desenvolverá ao longo do ano para potenciar a interacción cos veciños.
A nova ferramenta móbil tamén permite consultar as novas relacionadas coa actividade municipal, de xeito que pode empregarse para saber de cursos, actividades municipais, ofertas de emprego ou viaxes organizadas.
Rexístrate como: