A Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) puxo en marcha, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte o proxecto "Volver aprender despois do Dano Cerebral Adquirido". A través deste proxecto distribuíronse 46 tablets entre 12 asociacións para apoiar e facilitar a rehabilitación de 150 persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA). As tablets, ferramentas intuitivas, portátiles e accesibles, ofrecen programas adaptados ás necesidades de aprendizaxe específica das persoas con dano cerebral. Grazas a estes dispositivos tecnolóxicos é posible aumentar o tempo de adestramento para poder recuperar capacidades cognitivas e de comunicación e así conseguir unha maior autonomía persoal.
Os 30 profesionais que participan no proxecto, logopedas, terapeutas ocupacionais e neuropsicólogos, destacaron as vantaxes do uso das novas tecnoloxías na rehabilitación do DCA. Factores como o feedback visual e auditivo inmediato, a motivación, a práctica do ensaio - erro, a adaptabilidade das ferramentas e a súa facilidade de uso para todo tipo de persoas con dificultades diversas, entre outros, sitúan ás tablets e ao seu software como ferramentas con potencial para o proceso de re-adestramento das funcións cognitivas e de comunicación.
O traballo que se realiza cos usuarios é personalizado e diverso, xa que busca a promoción da autonomía persoal e a inclusión das persoas con DCA. Cada profesional perseguirá distintos obxectivos específicos: desde o desenvolvemento das Actividades Básicas da Vida Diaria ou a xestión de asuntos económicos e recursos sociais, ata o uso de recursos en liña ou mesmo a creación dun sistema de comunicación alternativo adaptado ás necesidades do usuario. Como na atención ao Dano Cerebral Adquirido, con cada persoa con dano cerebral establecerase un plan integral de traballo acorde ás súas necesidades.
Previamente á distribución das tablets acordáronse desde FEDACE protocolos de intervención, coordináronse as actividades para realizar e estase realizando un seguimento das mesmas. Ademais do traballo realizado con usuarios e profesionais, co desenvolvemento deste proxecto intervirase tamén con 50 familiares de persoas con DCA. Aos coidadores principais ensinaráselles o uso didáctico e complementario das ferramentas tecnolóxicas para que eles tamén poidan apoiar o proceso de re-adestramento das funcións cognitivas e de comunicación.
Existen outras iniciativas que apoian a rehabilitación cognitiva e de comunicación empregando as novas tecnoloxías dentro do movemento asociativo do Dano Cerebral Adquirido, por exemplo o proxecto "Tics e estimulación cognitiva". No marco deste programa está a dotarse ás entidades federadas de software de apoio á rehabilitación neuropsicolóxica, dunha ferramenta que ofrece exercicios e seguimento da evolución dos usuarios. Por outra banda, xunto á Fundación Vodafone están a darse os primeiros pasos para adaptar o ecosistema virtual mFACILyTA ás necesidades das persoas con dano cerebral.
Rexístrate como: