O director de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Félix Rubial Bernárdez, presentou hoxe, en rolda de prensa, o programa Teleseguimento no fogar de pacientes EPOC que ten en marcha o Servizo Galego de Saúde. Este proxecto, que se engloba dentro do Fogar Dixital, forma parte dun estudo a nivel europeo no que tamén participan centros de Reino Unido, Noruega e Alemaña.
O obxectivo desta iniciativa é analizar a influencia do control mediante telemonitorización sobre o número de reagudizacións, hospitalizacións e mortalidade dos pacientes con enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC).
Metodoloxía
O estudo, que empezou o 1 de xaneiro de 2014, finalizará o próximo mes de marzo de 2015, e conta con avaliacións periódicas aos 3, 6 e 12 meses. En total participarán 2.038 pacientes dados de alta despois dunha reagudización, dos que Galicia terá que aportar 500 como mínimo. Actualmente, xa conta con 157 doentes distribuídos por toda a súa xeografía e que, de forma voluntaria, accederon a participar.
A selección de pacientes efectúase nos hospitais do Servizo Galego de Saúde a través dos Servizos de Pneumoloxía das 7 Estruturas Organizativas de Xestión Integrada e conta co respaldo e aval da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria.
Están definidos 3 niveis de monitorización, o alto, que pode durar entre 5 e 30 días -a media é de 10 días-, no que o paciente ten que facerse diariamente unha pulsioximetría e contestar, mediante unha tableta facilitada polo SERGAS, un cuestionario clínico. Despois de enviar os resultados, unha enfermeira ponse en contacto con el mediante videoconferencia.
Nun segundo nivel de monitorización, o medio/moderado, o doente ten que estar durante un mínimo de 4 semanas ata un máximo de 12 semanas. Neste caso, tamén deberá realizar diariamente unha pulsioximetría e contestar ao cuestionario clínico, pero a enfermeira unicamente se porá en contacto co enfermo se houbese algún problema.
No nivel baixo, último nivel, durante o que resta do ano, debe responder ao cuestionario clínico cada semana ou cada 15 días, á súa vontade.
Ademais, os profesionais fan reunións mensuais cos coordinadores e toda a información queda recollida na historia clínica electrónica (IANUS) e visible en todos os niveis asistenciais.
Resultados
O programa conta cunha alta aceptación de participación dos pacientes, que manexan excelentemente os dispositivos facilitados para a realización das probas e teñen unha moi boa percepción desta iniciativa.
Doutra banda, os profesionais sanitarios aprobaron a xestión dos casos centralizada e o traballo en rede. Ademais, esta iniciativa favorece a implantación do proceso asistencial integrado de EPOC e permite unha homoxeneización do tratamento en toda a Comunidade Autónoma.
Fogar Dixital
O Fogar Dixital, que se enmarca dentro da iniciativa InnovaSaúde, é un sistema que posibilita dispor dunha canle bidireccional de comunicación entre o servizo de saúde e o paciente para enviar a este os recordatorios de autocoidados e boas prácticas que debe seguir para o coidado da súa enfermidade. Tamén permite solicitar datos das súas constantes –presión arterial, temperatura, peso, pulso, glucosa, etc.- para que un servizo de seguimento revise e comprobe o estado do paciente.
Rexístrate como: