Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Domoalert Care

Domoalert, unha innovación tecnolóxica para a saúde

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 11/07/14 (08:10)

Domoalert Care é un sistema que se basea nas tecnoloxías móbiles e nun kit de sensores para ofrecer servizos de video-coidado de persoas dependentes ou convalecentes. O produto, que segundo a compañía guipuscoana sairá ao mercado nos próximos meses, permite conectar o teléfono móbil á vivenda para que o usuario poida comunicarse mediante imaxe e voz e que ofrece unha serie de funcionalidades pensadas para facilitar a atención a distancia.


O sistema inclúe sensores que permiten saber se se abriu o caixón das medicinas ou a porta de casa, así como un botón de pánico para que a persoa dependente poida avisar de forma rápida aos seus familiares, coidadores ou aos servizos de urxencias médicas. Domoalert Care tamén está pensado para monitorizar bebés a través de videocámaras que permiten ás familias saber se está durmido, falarlle ou accionar luces anti-medo, así como para supervisar as visitas que entran na casa ou os empregados da vivenda cando o usuario está fóra.


Este é o segundo produto lanzado pola startup situada en Eibar tras a comercialización de Domoalert Security en 2013, un sistema de monitorización dende o móbil para a seguridade no fogar. Domoalert Care presentouse o pasado 3 de xullo fronte a un panel de representantes de clínicas, hospitais e centros de saúde dentro do encontro Gira TIC, organizado pola asociación TIC Biomed. Esta xornada, que se celebra en diferentes cidades a nivel estatal, está dirixida a impulsar a innovación tecnolóxica en saúde, poñendo en contacto empresas provedoras destes produtos con profesionais e responsables da saúde tanto no sector público como privado.


Na xornada Gira TIC Bilbao participaron outras 16 empresas presentando as súas solucións: Arin Innovation, responsable de Apps4Glass, Asociación IK4 Research Alliance, Bilbomática, Doctoralia, Edatalia Signature Solutions, Everis Spain, Grupo i68, Igarle, Prometeo, Qmatic, Queres Tecnologías, Sisteplant, Solmicro, TAK Learning, Validated IDE e Vócali. 

Tema: Xeral
Fonte: Euskadiinnova
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal