Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cadeira de rodas

Un dispositivo táctil mellora a condución asistida de cadeiras de rodas eléctricas


  • Os sensores son capaces de interpretar a distribución da presión que exercen as mans durante o proceso de condución

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 10/07/14 (08:26)

Un equipo de investigadores do grupo Electrónica para Instrumentación e Sistemas (EIS) da Universidade de Málaga desenvolveu un dispositivo táctil que mellora a condución asistida de cadeiras de rodas ou carros eléctricos.


Este tipo de plataformas móbiles a motor adoitan incluír unha panca de mando ou joystick na parte superior e están deseñadas para facilitar a asistencia no desprazamento de persoas con mobilidade reducida ou minusvalidez. O novo sistema substitúe o tradicional joystick por un guiador intelixente cuberto por conxunto de sensores táctiles que abranguen a totalidade da súa superficie.


Estes sensores son capaces de interpretar a distribución da presión que exercen as mans durante o proceso de condución e transmitir ao mesmo tempo a devandita información en forma de ordes aos motores encargados de mover a cadeira.


Nun artigo publicado polo equipo na revista Sensors, os investigadores demostraron a viabilidade do dispositivo táctil que facilita e mellora a condución asistida de cadeiras de rodas eléctricas.


"Este sistema permite coñecer tanto a situación -en que parte da cobertura táctil- como a intensidade da forza exercida polo familiar ou coidador. Polo tanto, interpreta a intención do usuario a partir da presión que exercen as súas mans no guiador e o resultado é unha condución intuitiva, semellante ao que se realiza habitualmente con cadeiras non motorizadas, pero cun esforzo moito menor", explica o responsable principal do proxecto, Fernando Vidal, profesor da Universidade de Málaga.


Un sistema patentado


Este novo sistema para o desprazamento de persoas dependentes xa foi patentado e está baseado en técnicas sensoriais de interface home-máquina, método que conecta as instrucións das persoas cunha resposta eficaz por parte da tecnoloxía. 


"En primeiro lugar, deseñamos un sistema de referencia, é dicir, o conxunto de coordenadas espaciais necesarias para interpretar o comportamento das 'pegadas' ou mapas de presión das mans durante o proceso de condución", di o investigador.


Despois, o equipo construíu un primeiro prototipo completo que incluíu sensores táctiles, electrónica e algoritmos de procesado encargados de recoñecer e enviar as ordes aos motores para mover a cadeira. Por último, desenvolveuse un segundo modelo moito máis robusto no que se corrixiron deficiencias e se engadiu funcionalidade, destaca.


Aplicación noutras áreas


A integración deste tipo de sensores táctiles en cadeiras de rodas eléctricas supón, segundo os investigadores, un modelo que tamén pode ser extensible a outro tipo de plataformas móbiles. "Co propósito de prolongar a autonomía das persoas maiores e dependentes, este sistema tamén pode ser instalado, por exemplo, en carros de supermercado. Ademais, existen traballos similares orientados a facilitar o transporte de camas con rodas" "en hospitais", expón Vidal.


Este dispositivo, que xa foi instalado e probado con éxito en diferentes circuítos que incluían ramplas ou terreos irregulares, permitiu aos expertos abrir novas liñas de traballo principalmente relacionadas coa súa aplicación en centros de saúde ou xeriátricos. "Estamos a mellorar os algoritmos para intentar protexer ao sistema ante situacións cambiantes, xa sexa de escenario ou usuario. Así mesmo, dado o actual contexto de envellecemento da poboación en países desenvolvidos, o seguinte paso será demostrar a súa utilidade en diferentes residencias ou centros para persoas maiores, principal obxectivo para o que se deseñou esta ferramenta," sinala.


Estes resultados son froito do proxecto nacional Instrumentación táctil e asistencia a dependentes, financiados polo Ministerio de Economía e Competitividade e en colaboración co Centro de Tecnoloxías Electroquímicas (CIDETEC), situado en San Sebastián. Ademais, forma parte da tese doutoral de Andrés Trujillo, a cal está dirixida polo profesor da Universidade de Málaga Fernando Vidal. 

Tema: Xeral
Fonte: Sinc
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal