Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Emaús

Emaús inicia un programa baseado en I+D+i para a inclusión social

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 09/07/14 (09:10)

Mediante o Proxecto INCLÚE, que agora comeza, financiado polo Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA) 2009-2014 dentro do PROGRAMA de CIDADANÍA ACTIVA, EMAÚS co apoio da XUNTA DE GALICIA e EOSA, asume o reto da busca activa dun novo modelo de atención que supere a actual situación caracterizada por unha importante perda da calidade de vida de moitas persoas e agravamento da desigualdade.


Coa crise que sacode España, o perfil de persoa en risco de exclusión social viuse modificado, producíndose unha invisibilización aínda maior da exclusión severa. O contexto de crise, a complexidade dos procesos asociados á exclusión social estrutural e os resultados dos modelos actuais orientados a fomentar a inclusión, sitúannos nun escenario afastado do desexado. Un escenario caracterizado, entre outros, por un alto grao de precariedade, de agravamento das desigualdades e importantes perdas na calidade de vida. Obsérvase tamén con preocupación o retorno a actuacións caracterizadas por un corte paternalista e asistencial no que se formulan intervencións que non atenden á individualidade de cada persoa, nin ás singularidades de mulleres e homes, no que se reduce o protagonismo das persoas no seu proceso de inclusión, formulándose actuacións puntuais e parciais. Á súa vez, a descoordinación das actuacións e a falta de criterios homoxéneos fomentan, sen dúbida, estas desigualdades na abordaxe da exclusión social.


Co apoio do Programa de Cidadanía Activa do Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA) 2009-2014, operado en España pola Plataforma de ONG de Acción Social, Emaús Fundación Social, a través do "Proxecto INCLÚE: Innovación para a Inclusión Social", asume o reto de afrontar a necesidade dun cambio no modelo de atención ás persoas en situación de exclusión social. A aposta formúlase fomentando a colaboración interinstitucional entre entidades públicas e privadas e a participación das persoas afectadas, dende a aplicación da I+D+i, xerando innovación social. 


INCLÚE, co apoio dos seus socios, a Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Xunta de Galicia e a consultora EOSA, deseñará un modelo de atención social innovador, centrado na persoa, definido en clave de calidade de vida, igualdade de oportunidades para mulleres e homes, dereitos, autonomía e cidadanía das persoas en situación de exclusión social. Iso tradúcese na identificación dun novo marco conceptual de referencia que redefina as claves da inclusión social en Galicia para todas as entidades públicas e privadas. O modelo irá acompañado do deseño dunha ferramenta tecnolóxica que contribúa, de xeito homoxéneo e eficaz, á valoración técnica da exclusión social e á avaliación e o impacto das intervencións realizadas dende o prisma do novo modelo. 

Tema: Xeral
Fonte: Socialia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal