Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
ClipCare

ClipCare, novo servizo para resolver todas as nosas dúbidas sobre a Rede e os dispositivos

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 08/07/14 (08:37)

O pasado mes de xuño os mozos (ámbolos dous de dezaoito anos e naturais de Girona) Carla Nieto e Pau Vila puxeron en marcha ClipCare, unha startup do sector da asistencia técnica con potencial de salvavidas para todos aqueles, pais e fillos, iniciados ou non iniciados, que anden arestora perdidos no mar das novas tecnoloxías, das redes sociais e dos nosos dispositivos. A iniciativa, que ofrece subscricións mensuais que brindan aos clientes a posibilidade de recibir asistencia técnica e resolución de dúbidas multidispositivo (unha tarifa plana con tres niveis diferentes de asistencia con tres prezos distintos), canalízase a través de varios vieiros: plataforma web, teléfono, aplicación para Android e Windows e, a finais de mes, aplicación para iPhone e para Mac (arestora en fase de desenvolvemento).


A iniciativa, comentan a Código Cero os seus creadores, semella ter saído con bo pé: “Polo de agora estamos contentos cos primeiros resultados, temos unha pequena base de clientes e semella que somos ben recibidos polos medios, ademais estamos a participar nun programa de aceleración organizado polo banco Santander que nos dá o pulmón loxístico que precisabamos”. Por outra banda, cualifican o seu proxecto de “exemplar”, non só polo polo carácter do servizo, senón porque consideran que non é frecuente que se emprenda con tan só 18 anos e máis dende un plano tan innovador e pioneiro (de feito, non existían até o de agora iniciativas tan firmemente dirixidas a pór en xogo recursos de servizos técnicos na nube).


En definitiva, estamos ante unha iniciativa que consiste en fornecer asesoramento para as dúbidas que poidamos ter cun computador ou un dispositivo móbil, dende como facer un documento de texto ou unha gráfica até como tirar partido dunha aplicación en concreto ou como subir unha fotografía ao noso sitio nunha rede social. ClipCare diríxese sobre todo a persoas de entre 40 e 60 anos, “aquelas que non se criaron cun iPad debaixo do brazo”, sostén Vila nunha entrevista recente.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal