Até o momento os proxectos de micromecenado que máis destacaron en Kickstarter foron os relativos a produtos tecnolóxicos, co smartwatch Pebble xuntando máis de 10 millóns de dólares, a consola baseada en Android OUYA recadando preto de 8,6 millóns de dólares e o reprodutor musical Pono sumando máis de 6,2 millóns de dólares, sendo poucos os proxectos culturais e audiovisuais que conseguían ter certa repercusión nesta plataforma, coa excepción do filme que naceu a xeito de secuela da serie de televisión Veronica Mars (que conseguiu 5,7 millóns de dólares); e agora, dentro desta pequena selección de proxectos de éxito, está a piques de entrar Reading Rainbow, que prevé superar os 5 millóns de dólares nas vindeiras horas (pese a que o proxecto inicialmente só buscaba xuntar 1 millón de dólares).
Pero aínda que Reading Rainbow non consiga superar economicamente ao filme de Veronica Mars, xa está a ser líder en Kickstarter en número de mecenas, superando os 95.000, xa que esta iniciativa non pretende colocar un produto de prezo elevado entre os que o apoian, senón que estamos ante unha boa causa que busca loitar contra o analfabetismo funcional entre os cativos. De todos os xeitos, si parece que este proxecto vaia superar ao filme protagonizado por Kristen Bell, xa que o televisivo Seth MacFarlane (responsable de series como Padre de Familia) comprometeuse a axudar no último tramo da campaña, de xeito que a partir dos 4 millóns de dólares igualará as achegas que realice o público até os 5 millóns, de xeito que, de superarse os 5 millóns recadados, MacFairlane contribuirá á iniciativa cun millón de dólares adicional.
Reading Rainbow era un programa de televisión estadounidense, que tivo un total de 21 tempadas entre 1983 e 2006, no que animaban aos nenos a adoptar hábitos lectores, que a petición popular volveu en 2012 adaptándose aos novos tempos, de xeito que transformouse nunha aplicación para iPad e Kindle Fire a través da que achegarse aos máis pequenos. Pero en vista de que deste xeito só chegaba a un público limitado (e con alto poder adquisitivo) o seu presentador, o popular LeVar Burton (moi lembrado polos seus papeis como Georgi La Forge en Star Trek: A Nova Xeración e Kunta Kinte en Raíces, e ao que actualmente podemos ver na serie Perception) decidiu levar esta plataforma educativa á web, tablets con Android, consolas de videoxogos, smartphones e outros dispositivos conectados, creando tamén unha plataforma para aulas, pero que tería que financiarse mediante subscricións, o que claramente non estaría ao alcance de todos, polo que decidiron realizar unha campaña de captación de financiamento a través de Kickstarter a través da que os mecenas reciben subscricións persoais e outros agasallos como recompensa, pero que destina boa parte dos seus ingresos ao desenvolvemento desta nova plataforma de divulgación da lectura e permitirá que milleiros de aulas sen recursos económicos poidan acceder de balde ao servizo.
Rexístrate como: