O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a consolidación da fundación que xurde das antigas caixas de aforro –Fundación Galicia Obra Social- que reforza o seu compromiso cos galegos cun padroado representativo de toda a comunidade e garantindo a obra social 30 anos.
Deste xeito, e tras o Consello da Xunta, Feijóo precisou que despois da negociación entre a Consellería de Facenda e Novagalicia Banco, este último decide entrar na fundación como mecenas garantindo a continuidade da obra social e, polo tanto, da súa achega para os próximos 30 anos. “O banco garante o financiamento anual de 5 millóns de euros para obra social nos próximos cinco anos e, a partir do sexto ano, o 3% do total dos seus beneficios despois de impostos que en ningún caso –sexan cales sexan- poderán ser inferiores a 5 millóns ao ano. Estamos polo tanto blindando máis de 150 millóns de euros de achegas do novo banco á Fundación Galicia Obra Social”.
En segundo lugar, destacou a configuración dun novo padroado da fundación, “representativo –incidiu- dos intereses de Galicia e do conxunto dos galegos”. Nesta liña, precisou que o padroado non terá ningún cargo en activo, nin cargos en organizacións empresariais, nin sindicais, nin cargos políticos.
Así mesmo, explicou que os membros da entidade non recibirán remuneración algunha polo cargo que ostenten, se lles esixirá unha cualificación nos ámbitos de actuación da entidade “e, non poderán ser membros da fundación os antigos integrantes das fundacións e dos consellos das caixas de aforro”.
No tocante ao modelo de elección, Feijóo subliñou que haberá un total de 28 votos: “9 votos lle corresponden ao mecenas que é Novagalicia Banco, que financiará a fundación; e os 19 votos restantes serán en función dos membros do ámbito local, do ámbito parlamentario e do ámbito da Xunta”.
Sobre estes 19 votos, o presidente autonómico precisou máis polo miúdo que: “1 será elixido directamente polos traballadores; 7 serán de cada cidade, en función do voto ponderado pola poboación de cada unha delas; haberá 1 por deputación; 4 serán elixidos polo Parlamento, de conformidade coa representación dos grupos parlamentarios e 3 serán nomeados pola Xunta, en representación de Facenda, de Benestar e de Educación e Cultura”.
Segundo Feijóo, estes representantes terán que velar polo obxectivo da Fundación que é servir aos intereses de Galicia no ámbito social e cultural. “Así, se priorizará a asistencia dos colectivos máis vulnerables, a atención especial de maiores e dependentes, a atención á infancia, o fomento de emprego e o apoio á cultura”.
Logo de precisar que, nos casos de decisións importantes haberá maiorías reforzadas de 2/3; o presidente do Goberno galego lembrou que máis dun millón de galegos se beneficiaron, no ano 2013, dos distintos programas e servizos da fundación, ao que engadiu que o obxectivo é que se poda chegar a máis cidadáns no futuro.
Nesta liña, subliñou que a entidade contará con estabilidade, financiamento e continuidade durante os próximos 30 anos, de acordo co compromiso asumido polo banco que entra en calidade de mecenas na fundación.
Pola súa banda, a conselleira de Facenda fixo fincapé en que “con este acordo, garantimos a viabilidade da fundación a longo prazo, axudamos a manter os postos de traballo, permitimos que a Fundación continúe co seu importantísimo labor social, servindo os intereses de Galicia, e damos cumprimento ao mandato parlamentario”.
Rexístrate como: