Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Inauguración do congreso

Benestar aposta por un envellecemento en positivo no marco dunha sociedade “plenamente comprometida” cos maiores


  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe o XXVI Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, no que participaron máis de 300 profesionais implicados na atención a este colectivo

  • O departamento autonómico centra os seus esforzos no envellecemento activo e na prevención da dependencia para que os maiores vivan máis anos e coa maior calidade de vida posible

  • Estanse a desenvolver sistemas avanzados de teleprevención como MiAvizor que, a través de sensores inalámbricos, permite aos usuarios permanecer con total seguridade no seu domicilio habitual

  • A ‘Estratexia para a prevención da dependencia’ conta con preto de 400 medidas dirixidas a consolidar un enfoque preventivo en todas as políticas sociais de Galicia

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 23/06/14 (08:23)

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apostou hoxe por un envellecemento en positivo, no marco dunha sociedade “plenamente comprometida” co benestar das persoas maiores.


Así o indicou a titular de Benestar na inauguración do XXVI Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, no que participaron máis de 300 profesionais implicados na atención aos maiores, que en Galicia ascenden ata as 640.000 persoas.


No marco dunha poboación que cada vez vive máis anos, “estamos inmersos nunha crise demográfica coa que a Xunta mantén un firme compromiso liderando o primeiro Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, co obxectivo de estimular a natalidade”, salientou Mato. Pero, ao mesmo tempo, estase a traballar para que os maiores teñan unha vida máis longa e con maior benestar.


Para elo, o departamento centra os seus esforzos en dous eixos: envellecemento activo e a prevención da dependencia. En canto ao envellecemento activo, Mato indicou que a actividade contribúe á saúde fronte aos malos hábitos do sedentarismo e posibilita aos maiores coñecer e manter relacións coas persoas de distintas xeracións.


Mato lembrou que en 2013 a Comisión Europea nomeou Galicia rexión de referencia do envellecemento activo, especialmente no ámbito das novas tecnoloxías. Estanse a desenvolver sistemas avanzados de teleprevención como MiAvizor que, a través de sensores inalámbricos, permite aos usuarios permanecer con total seguridade no seu domicilio habitual.


O outro eixo é a prevención da aparición das situacións de dependencia. O ano pasado púxose en marcha unha ‘Estratexia para a prevención da dependencia’, que marcará a folla de ruta ata 2020. Conta con preto de 400 medidas co obxectivo de consolidar un enfoque preventivo en todas as políticas sociais de Galicia e con ela poderíase conseguir previr ou retrasar a dependencia en 4.000 galegos ata 2020.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal