Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Programa Plan de Formación 2014 VolDIX

O programa de voluntariado dixital da Xunta pon en marcha o seu plan de formación 2014 “Innovación e transformación dixital 2.0”


  • Desenvolverase do 19 de xuño ao 11 de xullo, é de balde e consta de catro módulos que se poderán cursar de maneira independente

  • O primeiro módulo estará centrado nas ferramentas 2.0 orientadas á procura de emprego dende a perspectiva do demandante e do seleccionador

  • A inscricións realizaranse a través da web www.voluntariadogalego.org

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 16/06/14 (09:34)

O Programa de Voluntariado Dixital da Xunta, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pon en marcha o seu Plan de Formación 2014: “Innovación e transformación dixital 2.0” que se desenvolverá entre o 19 e xuño e o 11 de xullo.


O obxectivo deste o plan formativo é ofrecer capacitación aos voluntarios e persoal técnico das entidades de acción voluntaria adheridas ao Programa Voluntariado Dixital, aínda que está aberto a calquera persoa ou organización interesada nesta materia.


O programa estrutúrase en 4 módulos de 8 horas de duración cada un, que poden ser cursados de maneira independente:



  • Módulo I: “Inserción laboral e recrutamento 2.0” (19 e 20 de xuño)

  • Módulo II: “Estratexias de comunicación 2.0” (26 e 27 de xuño)

  • Módulo III: “Innovación social. Experiencias prácticas” (3 e 4 de xullo)

  • Módulo IV: “Coaching para a transformación social” (10 e 11 de xullo)

As persoas interesadas deberán inscribirse en aqueles módulos nos que desexen participar, cumprimentando os correspondentes formularios de inscrición a través da seguinte ligazón da web de voluntariado galego: http://www.voluntariadogalego.org/web/modulo.php?mod=cur, e recibirán un certificado de asistencia onde se especificarán os módulos aos que asistiran.


“Inserción laboral e recrutamento 2.0”


No primeiro módulo do curso, que se desenvolverá o xoves 19 e o venres 20 de xuño no Centro de Novas Tecnoloxías (CNTG) de Santiago de Compostela, presentaranse distintas ferramentas e boas prácticas para construír unha boa imaxe dixital, fortalecer a rede de contactos de cara á procura de emprego e proporcionarase a visión da empresa á hora de seleccionar o candidato máis adecuado para cada posto de traballo.


Durante as dúas xornadas amosarase como, ante o antigo modelo de Currículum 1.0 en papel entregado en man, as ferramentas 2.0 - baseadas na interacción e a participación través de Redes Sociais- transformaron tanto a maneira en que os demandantes de emprego dan a coñecer as súas capacidades e habilidades, como os aspectos que os recrutadores valoran na selección do candidato que mellor se adapta ao perfil que buscan.


Relatores


O 19 de xuño a xornada contará coa intervención do orientador laboral, Xosé Alberte Cea Rodríguez, e exporanse dúas experiencias de recrutamento no sector TIC galego da man da empresas Balidea e A Navalla Suíza.


O día 20 intervirá Roberto Pérez Marijuán, consultor e formador especializado en neuromárketing e novas tecnoloxías para a xestión empresarial, que foi responsable comercial en CAMPOFRÍO e director comercial en VISUAL PUBLINET. Ademais, exporase a experiencia de Infojobs como plataforma dixitais de busca de emprego.


Asistencia ao curso


O curso é gratuíto e poderase participar en modalidade presencial no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia ou ben a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de Padrón, Sada, Ortigueira e Fisterra, na provincia da Coruña; Barreiros e O Vicedo na provincia de Lugo; Ourense, Verín, Leiro e Celanova na provincia de Ourense; Pontevedra, Valga, A Cañiza e Poio na provincia de Pontevedra.


Programa de Voluntariado Dixital


O Programa de Voluntariado Dixital foi posto en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías a un maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda la cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.


Esta iniciativa suma a solidariedade individual, 340 voluntarios, xunto coa participación de 78 entidades de acción social. As actividades do programa beneficiaron no 2013 a 4.300 persoas e a Comisión Europea seleccionou esta iniciativa programa para ser analizada nun Peer Review a nivel europeo como boa práctica en materia de inclusión dixital.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal