A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, impartiu ao longo deste ano un total de 525 obradoiros en máis de 100 centros de ensino, chegando a máis de 11.500 mozos e mozas de entre 14 e 16 anos a través do servizo Quérote +. Os obradoiros foron de 100 minutos de duración e as temáticas foron: convivencia, uso seguro das TICs, prevención do consumo de alcol, imaxe corporal e autoestima e sexualidade e afectividade.
No obradoiro de convivencia traballouse cos rapaces e rapazas para poñer en valor a diversidade e fomentar o seu respecto de cara a unha convivencia construtiva e potenciar a aprendizaxe da resolución construtiva de conflitos. No taller de uso seguro das TICs fomentouse unha actitude crítica no manexo e xestión dos entornos virtuais e construción de ferramentas para unha navegación segura e responsable.
Pola súa banda, no obradoiro de prevención do consumo de alcol impulsouse e promoveuse a análise crítica da información e as mensaxes recibidas en relación ao alcol e o seu consumo co obxectivo de promover unha vivencia positiva e saudable do tempo libre. No de imaxe corporal traballouse para contribuír ao coñecemento, aceptación do corpo e da imaxe de forma satisfactoria e positiva e no de sexualidade e afectividade os profesionais que o impartiron centráronse no desmantelamento de mitos, estereotipos e falsas crenzas presentes na sexualidade.
Nestas accións formativas, os participantes coñecen, ademais, ao equipo profesional dos centros Quérote + que resolven as súas dúbidas, ao tempo que coñecen as vías de contacto establecidas para facer as consultas. En definitiva, descobren as posibilidades que lles ofrece o servizo anónimo, confidencial e gratuíto que pon a súa disposición a Consellería.
Así mesmo, este ano, no eido educativo, Xuventude, a través dos centros Quérote +, organizou o curso ‘Ciclo de vida adolescente’ de 50 horas de formación dirixido ao profesorado dos centros de ensino públicos e concertados. Nesta actividade participaron 25 docentes que coñeceron as ferramentas básicas para intervir cos mozos e mozas nas materias nas que soen actuar os equipos do Quérote +. Así mesmo, os profesionais dos centros de ensino e dos Quérote + estreitaron as vías de colaboración para a derivación de casos en materia de asesoramento.
En definitiva, desde os centros Quérote + apóstase pola idea de establecer unha rede de profesionais que traballen a favor da convivencia construtiva da mocidade desde os seus espazos de traballo, neste caso desde os centros educativos.
Rexístrate como: