O relator estrela da segunda xornada do congreso de intelixencia artificial que se celebra estes días en Salamanca non é humano, aínda que non lle falta moito: o robot Geminoid HI-4 é o clon de Hiroshi Ishiguro, catedrático da Universidade de Osaka e líder do laboratorio de telecomunicacións avanzadas que leva o seu nome. O científico, cuxa aparencia física é idéntica ao robot, manexouno de forma remota dende Xapón para ofrecer unha conferencia centrada, precisamente, no desenvolvemento de androides e as súas aplicacións, pero a principal característica de Geminoid HI-4 é que pode interactuar con persoas in situ, o que pode ter utilidades moi diversas para automatizar servizos e atender a persoas.
Dende o ano 2000, Hiroshi Ishiguro desenvolveu cinco tipos distintos de robots humanoides, con diferentes características, graos de evolución e aparencia de homes, mulleres e nenos. Geminoid HI-4 é a cuarta versión dun robot que orixinou máis de 300 publicacións científicas. "É único no sentido de que foi o primeiro coa dobre característica de ser manexado de forma remota á vez que reacciona ao que sucede no lugar no que se encontra", explicou en declaracións recollidas por DiCYT Juan Manuel Corchado, vicereitor de Investigación e Transferencia da Universidade de Salamanca e líder do grupo de investigación BISITE, organizador da Conference on Practical Applications of Agents and multi Agent Systems, XII PAAMS.
"Se houbese aquí un gran ruído, con independencia do que fixera o seu creador en Xapón, respondería cun xesto de susto", pon como exemplo Corchado. O rostro de silicona do robot é capaz de mostrar emocións humanas como a alegría ou o desgusto a través dos seus movementos faciais.
"Para conseguir estas reaccións, utilízanse modelos de intelixencia emocional que permiten captar información por medio de todos os sensores que leva incorporados e, a partir de aí, proporcionar respostas ante os estímulos", explica o experto. O desenvolvemento da intelixencia artificial permite dotar a este sistema da capacidade para tomar decisións cun alto grao de autonomía, de maneira que é capaz de aprender da súa propia experiencia, xestionar unha gran cantidade de datos e ofrecer unha resposta.
Detrás dun mostrador ou nunha residencia xeriátrica
Este desenvolvemento tecnolóxico non queda na anécdota ou a experimentación científica, senón que ten aplicacións moi interesantes e interdisciplinares. "Se se automatiza un pouco máis, podería traballar como dependente detrás dun mostrador ou realizar labores de asistencia xeriátrica, acompañando a persoas maiores as 24 horas do día grazas ao seu aspecto realista", apunta Corchado.
É a primeira vez que Geminoid HI-4 visita España, acompañado por Kohei Ogawa, axudante de Ishiguro que compartiu o escenario co robot durante o relatorio. Aínda que participa habitualmente neste tipo de congresos, o humanoide adoita ter problemas para cruzar fronteiras e, de feito, os científicos xaponeses xa saben que nalgúns aeroportos non pode pasar, a pesar de que viaxa en caixas e en lugar de ocupar un asento de avión, como invita a pensar o seu aspecto humano.
De feito, a mobilidade deste modelo é aínda limitada en comparación con algúns dos máis evolucionados, especialmente nas extremidades, aínda que probablemente é o preferido de Hiroshi Ishiguro, ao ser o seu clon exacto. De feito, o seu creador envelleceu nos últimos anos, mentres que o humanoide permaneceu exactamente igual, motivo polo cal Ishiguro pasou por unha operación de cirurxía estética para que sigan sendo idénticos, segundo a anécdota que comentou o vicereitor.
Rexístrate como: