O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira López, inaugurou en representación da Consellería de Cultura, Educación e Innovación Universitaria, as XIII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia organizadas pola Asociación de Profesores de Tecnoloxía de Galicia. O responsable da Xunta de Galicia fixo fincapé na relevancia desta materia no currículo de ESO e Bacharelato.
Os encontros desenvolvéronse entre venres e sábado en quendas de mañá e tarde cos obxectivos de intercambiar e divulgar experiencias didácticas, material de aula e proxectos relacionados coa área de tecnoloxía, así como a iniciación e perfeccionamento práctico nos distintos ámbitos desta área. Ademais tratouse o aumento da intercomunicación educativa para a mellora da calidade do ensino e analizouse a situación actual do ensino da tecnoloxía. Os diferentes contidos do programa leváronse a cabo mediante obradoiros prácticos, conferencias e exposicións de proxectos.
Importancia da Tecnoloxía no ensino
Manuel Corredoira destacou na súa intervención a importancia da presenza da materia de Tecnoloxía nas ensinanzas da ESO e Bacharelato pola axuda, que segundo recalcou, permítelle ao alumnado ter unha visión prospectiva sobre os avances e riscos das sociedades do S.XXI, ademais de fomentar a superación das barreiras de xénero, pola integración de alumnas e alumnos no desenvolvemento de actividades técnicas.
O director xeral expresou o seu desexo de que as xornadas de APETEGA teñan éxito, xa que nelas exprésase o devezo de renovar “a gran rede que sementa a tecnoloxía no ensino galego”. Corredoira concluíu felicitando polo seu traballo ao equipo organizador das xornadas e, ás persoas responsables das comunicacións e dos obradoiros que se realizaron.
Rexístrate como: