Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Robohand

Unha festa 3D solidaria para imprimir prótese de mans low cost

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 02/06/14 (09:31)

O próximo 7 de xuño celébrase no IEFPS Don Bosco de Errenteria o encontro 3D Party Solidarioa, unha xornada organizada por GAZE e TuMaker onde os participantes construirán mans robóticas utilizando impresoras 3D para doalas a Cruz Vermella. A proposta baséase no proxecto Robohand.


Robohand é unha iniciativa para crear mans robóticas con impresoras 3D que xurdiu en Sudáfrica en 2011, cando Richard van As perdeu os dedos da súa man dereita nun accidente. As próteses existentes non lle servían así que decidiu construíla el mesmo, utilizando as tecnoloxías de impresión 3D e a axuda do enxeñeiro mecánico Ivan Owen.


A raíz desa colaboración, en 2012 xurdiu Robohand, un proxecto que permite imprimir mans robóticas de baixo custo ofrecendo os deseños, arquivos e manuais de construción das próteses de forma gratuíta e en código aberto. A finais de 2013, Robohand xa desenvolvera 200 mans para persoas de todo o mundo que non podían permitirse comprar unha prótese tradicional, e a día de hoxe crearon tamén Robofinger, Roboarm e están en proceso de desenvolvemento dunha perna robótica, Roboleg.


Partindo deste proxecto, o programa GAZE e Tumaker organizaron o próximo 7 de xuño un encontro solidario para imprimir mans robóticas con impresoras 3D e doalas a Cruz Vermella. A xornada está aberta a todos os públicos, tanto á comunidade maker vasca coma a aquelas persoas que estean interesadas en coñecer de preto como funciona esta tecnoloxía.


3 D Party Solidarioa comezará pola mañá coa impresión das pezas, que logo se ensamblarán para construír as mans robóticas. Pola tarde, o encontro continuará coas charlas de Víctor Barahona de Permacultura Aralar sobre hardware libre e coñecemento maker, e un representante de Cruz Vermella, quen falará das consecuencias para a poboación civil das minas antipersoa. Todas as mans robóticas que se constrúan ao longo do día se distribuirán en territorios castigados por conflitos bélicos.


Esta festa solidaria realizarase no IEPFS Don Bosco de Errenteria co apoio de Tknika, a Deputación Foral de Gipuzkoa, o Goberno Vasco e o Fondo Social Europeo. 

Tema: Xeral
Fonte: Euskadi+innova
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal