No mundo hai 360 millóns de persoas xordas e con problemas graves de audición (o que lles xera graves problemas comunicativos que se traduce en moitos casos en marxinación laboral e educativa), das cales 70 millóns utilizan a lingua de signos (a vía de comunicación máis sinxela e efectiva para a maioría deles, pero que require que o seu interlocutor sexa coñecedor desta linguaxe). Existen diversas solucións tecnolóxicas que lles son de utilidade, pero ata agora ningunha lles servía para desenvolver unha conversación presencial. Ata agora.
E isto é porque unha pequena startup estadounidense (de Alameda, California) chamada Motion Savvy se propuxo desenvolver unha tecnoloxía que sirva para cubrir esta demanda, e que o faga de xeito accesible en termos económicos para os habitantes de países en vías de desenvolvemento. En 2013, o equipo fundador desta compañía presentou esta idea ao 'NTID ´ s Next Big Idea Contest' do Instituto de Tecnoloxía de Rochester, gañando a terceira praza e proporcionando a visibilidade que necesitaban. Meses despois, e tras formar parte do programa Saunders Start Up do RIT, Motion Savvy era aceptada no acelerador de empresas de Leap Motion, centrado en ideas innovadoras baseadas no uso de tecnoloxía de captura do movemento. Iso levounos a construír unha tableta equipada con tecnoloxía Leap Motion que será capaz de recoñecer os xestos dos usuarios de linguaxe de signos, interpretalos e dotalos dunha voz artificial.
No recente evento AXLR8R, o fundador da compañía Ryan Hait-Campbell fixo unha demostración do funcionamento do seu dispositivo: tras mover as súas mans ante a tableta, esta verbalizó o que el dixera na lingua de signos americana (a única que interpreta): "Ola, o meu nome é Ryan, Como te chamas? ". A demostración causou impacto, mesmo aínda que o mesmo Hait-Campbell admitiu que por agora o sistema unicamente recoñece 100 palabras, e que a efectividade á hora de recoñecer xestos varían enormemente dunha persoa a outra. Malia iso, deixou claro que é un prototipo cun potencial moi notable.
Rexístrate como: