Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Discapacidade e emprego

Traballo blinda con 9,1 millóns as axudas de cooperación para entidades sociais das que se poderán beneficiar 600 desempregados


  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica dúas liñas de subvención que as asociacións sen ánimo de lucro, en especial as vinculadas aos eidos da discapacidade e da exclusión social, poderán solicitar durante un mes desde mañá

  • O primeiro dos programas de cooperación, que conta cun investimento de 8,1 millóns de euros, está dirixido á contratación de persoas desempregadas en xeral

  • O segundo dos plans, cunha dotación dun millón de euros, está destinado á contratación de axentes de emprego e unidades de apoio

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 22/05/14 (08:20)

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar dúas liñas de axudas da Consellería de Traballo e Benestar que están dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro, en especial ás que traballan con persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, para a contratación e/ou mantemento de persoas desempregadas. O departamento autonómico blinda estas subvencións ás que destinará en 2014 un total de 9,1 millóns de euros, unha actuación coa que se prevé beneficiar a preto de 600 traballadores e traballadoras sen emprego en Galicia.


Por unha banda, o DOG publica a convocatoria dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de 550 persoas desempregadas, ás que destinará 8,1 millóns de euros. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer unha experiencia laboral que redunde na mellora da empregabilidade dos beneficiarios destas axudas, que se prevén que cheguen a unhas 200 entidades.


Os traballadores e traballadoras a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, tendo preferencia os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, como son as mulleres e, en especial, aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia; os menores de 30 anos, en especial, as persoas demandantes do primeiro emprego ou aqueles e aquelas sen cualificación profesional; as persoas en paro de longa duración; as persoas sen discapacidade; as persoas maiores de 45 anos; e os integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia.


A segunda liña de axudas son os programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio. Para esta actuación, a Consellería de Traballo e Benestar destinará 1 millón de euros para a contratación ou prórroga duns 39 axentes de emprego ou unidades de apoio que desenvolven labores relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.


A figura dos axentes de emprego é complementaria á dos axentes de emprego de desenvolvemento local nas entidades locais, constituíndo ambos a Rede de Técnicos de Emprego de Galicia, como infraestrutura especializada na promoción do emprego.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal