Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Rede CeMIT

A Rede CeMIT comeza a formación para a obtención do CODIX dos responsables das aulas e persoal das entidades colaboradoras


  • Unha semana despois de publicarse no DOG a orde que habilita e autoriza á Rede a ofrecer este itinerario formativo, arranca a formación do persoal colaborador

  • O certificado de competencias dixitais en ofimática (CODIX), que emite a Amtega, acredita a formación neste materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

  • Unha vez acreditados os formadores das aulas, a partir de setembro, convocaranse cursos abertos á cidadanía

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 20/05/14 (08:20)

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) inicia a primeira edición do curso de teleformación para á obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX), dirixida aos responsables das aulas CeMIT e das entidades colaboradoras e de acción voluntaria da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).


O CODIX acredita a formación en ofimática da persoa titular, ante calquera instancia pública ou privada. O itinerario formativo, cun total de 190 horas de contidos, e no que participan 112 persoas, rematará no mes de xullo cunha proba de avaliación presencial, que será necesario superar para obter a certificación, tal e como se recolle no Decreto 218/2011 que a regula.


Unha vez acreditados os formadores das aulas, a partir de setembro, convocaranse cursos abertos á cidadanía para que poidan acceder á formación do Plan Ofimático e ás probas de acreditación do CODIX desde a Rede CeMIT, que incluirá no seu plan de formación as actividades que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade.


Cursos para usuarios a partir de setembro


Os usuarios da Rede poderán acceder a partir de setembro a esta formación a través de tres modalidades, de xeito presencial, dentro da programación propia de cada unha das aulas CeMIT; a distancia, a través da plataforma de teleformación do portal CeMIT, EMA, onde se habilitarán quendas titorizadas en datas por determinar; ou a través da modalidade de autoformación para que poida ser realizada polas persoas interesadas, de forma independente mediante unha aprendizaxe autónoma ou ben a través doutros centros ou entidades de formación.


Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia, recentemente publicada e concretamente na súa modalidade de Software Libre, é dicir, GNU/Linux e LibreOffice


A Rede CeMIT


A Rede CeMIT,(Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.


Ademais do Plan de Formación, a Rede desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal