Máis de 5.000 maiores procedentes de todos os puntos da xeografía galega e do norte de Portugal reuníronse, a mediados de maio, na IX edición do Salón Galisenior, un encontro consagrado como o único que se celebra destas características no noroeste de España e que está especialmente dirixida a un núcleo de poboación que representa o 23% da demografía galega, ás súas familias e aos profesionais que desenvolven o seu labor neste sector. Promover un envellecemento activo e saudable, fomentar a autonomía persoal, atrasar a dependencia e poñer en valor o papel que xogan os maiores na sociedade son os obxectivos baixo os que se desenvolve esta feira.
Veciños de Betanzos, Pontedeume, Lugo, Vigo ou A Coruña entraron no recinto de Expourense para participar activamente neste encontro, xa fose a través de talleres, conferencias e outras actividades nas que o lema central era "aprender a vivir máis e mellor".
Esta novena edición do Salón Internacional dás Persoas Maiores foi inaugurada pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que estivo acompañada polo alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o presidente do comité executivo de Expourense, Celso Barbosa. Durante a súa intervención, Mato declarou que "Galicia foi nomeada en 2013 Rexión de Referencia en Envellecemento Activo e será unha das primeiras comunidades autónomas en aplicar o Índice de Envellecemento Activo para o deseño de novas políticas públicas destinadas aos maiores".
Máis en detalle, convén destacar que este índice elaborado pola Comisión Europea e Nacións Unidas mide factores esenciais para un envellecemento activo, como a relación coas novas tecnoloxías, o emprego ou a relación co ámbito. A súa aplicación, segundo explicou a conselleira, permitirá sinalar con precisión cales destes factores teñen un comportamento positivo en Galicia e en cales se debe seguir mellorando. "É unha ferramenta moi útil para o deseño e desenvolvemento das políticas públicas relacionadas co envellecemento activo", apuntou Mato.
Na súa presentación, ademais, a conselleira puxo en valor esta feira de carácter bienal, á que definiu como "un espazo para o intercambio de experiencias e para a difusión dunha imaxe dos maiores libre de estereotipos". "Este evento -continuou Mato- converte á cidade de Ourense por uns días no referente estatal da Xerontoloxía".
Actividades e xornadas técnicas
Galisenior estruturouse en torno a tres eixes: a propia feira, as xornadas técnicas profesionais e o programa de actividades para o público en xeral.
Galisenior presentou unha ampla oferta de actividades con máis de 80 opcións, todas orientadas a fomentar a adopción de hábitos saudables e preventivos, así como a familiarizar os visitantes con novas fórmulas de ocio ou ampliar os seus coñecementos sobre as TIC.
Entre as primeiras actividades que tiveron lugar en Expourense, especialmente emotivo foi o recoñecemento ao recentemente falecido Indalecio Vidal Iglesias, presidente da Asociación Galega de Maiores (Asogama) e membro activo do comité asesor do salón.
A principal novidade desta edición foi Concurso de Cociña Saudable, aberto a aqueles maiores de 60 anos afeccionados a esta materia. Tamén se impartiron por primeira vez catas de viños, talleres de mindfulness, neurobic, e mesmo un torneo de mus.
Máis de 150 persoas acudiron á primeira sesión das Xornadas Técnicas nas que participan 35 profesionais de España e Portugal.
A conferencia inaugural correu a cargo do Fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, que centrou a súa intervención na incapacitación das persoas maiores como medida de prevención, facendo referencia a que os servizos sociais deberían ser "un traxe á medida" das necesidades de cada persoa con minusvalidez, e que esta debe ser tratada "non como unha enfermidade que precisa de rehabilitación médica, senón que precisa rehabilitación social para que mellore a súa autonomía persoal". Tamén engadiu que, xa que na provincia de Ourense non existe un fiscal en cada concello, "é necesario que sexan vos servizos asistenciais vos que estean atentos ás situacións nas que vos maiores poidan necesitar protección e acudan entón á fiscalía".
Tamén se celebraron dúas mesas redondas, unha sobre investigacines en persoas maiores realizadas na universidade e outra sobre detección da deterioración cognoscitiva en Galicia.
Neste primeiro día de Galisenior tamén se analizou o tema do empoderamento social e do papel dos maiores no seo da sociedade, así como presentouse o XXVI Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, que se celebrará en Pontevedra os días 20 e 21 de xuño.
A segunda xornada estivo marcada pola visita de maiores de centros sociocomunitarios de varios lugares de Ourense como, Petín ou Celanova, e de centros da Fundación Novacaixagalicia procedentes de Viveiro, Ferrol, Santiago, Vigo e Monforte que chegaron a pé despois de relaizar unha ruta dende o ou centro da cidade. Tamén visitaron o salón membros da Federación de Pensionistas e Xubilados de CC OO.
No marco da feira celebrouse, así mesmo, o acto de conmemoración do 25º aniversario do programa de Termalismo Social do Imserso, no que Galicia, con 19 balnearios asociados e o 10% das prazas, encabeza a oferta española. O termalismo social e o seu papel no envellecemento activo foi tema central da mesa redonda que clausurou estas xornadas técnicas.
Na área expositiva, a feira reuniu a presentación de produtos e servizos dirixidos ao colectivo sénior a través de 60 expositores entre os que se encontraban dende empresas de equipamento e centros residenciais ata entidades especializadas en aforro enerxético ou medios de comunicación especializados. "A presenza destes expositores confirma que a chamada terceira idade abre un novo mercado que presenta un amplo abano de oportunidades para ás empresas", destacaron dende a organización do evento.
Actuacións emprendidas dende o Goberno rexional
Durante a intervención de Beatriz Mato, esta tamén destacou algunhas das accións que dende Traballo e Benestar están a impulsar en favor do colectivo sénior.
No ámbito do envellecemento activo, resaltou que un dos recursos específicos para desenvolver esta materia son os centros sociocomunitarios que dependen desta Consellería. En total, son 44 en toda Galicia dos que 11 están emprazados na provincia de Ourense.
En canto á prevención da dependencia, a conselleira indicou que a Xunta traballa en diversas materias, como a Estratexia para a Prevención da Dependencia, un plan que marca a folla de ruta no camiño da prevención dende o presente ata o ano 2020. As case 400 medidas que compoñen este plan teñen unha finalidade esencial, que é consolidar o enfoque preventivo en todas as políticas sociais. Outra das actuacións nas que se está a traballar neste ámbito é no Plan Marco de Atención Sociosanitaria ou a Estratexia de Cronicidade para seguir avanzando na coordinación sociosanitaria.
Por último, Mato fixo referencia ao novo modelo de carteiras, que poñen o acento nos servizos que se prestan, permitindo facer un traxe á medida das necesidades de cada usuario dos servizos sociais en Galicia. A Consellería de Traballo e Benestar poñerá en marcha na área social catro carteiras, das que xa está en vigor a destinada ás persoas con dependencia. Agora trabállase nas de persoas con autonomía, a de familia e infancia e a de inclusión.
O titular de Benestar recordou, da mesma forma, que a Xunta está a desenvolver sistemas avanzados de teleprevención como MiAvizor, que a través de sensores sen fíos permite aos usuarios permanecer con total seguridade no seu domicilio habitual.
Con esta nova edición, en definitiva, o salón afianza a súa posición no sector como plataforma para promover as accións que se están a desenvolver a cabo na Comunidade Autónoma, principalmente destinadas a reducir o impacto da dependencia na calidade de vida, tanto de quen a padece como do que exerce de coidador do maior.
Rexístrate como: