Un total de 63 proxectos de 50 centros educativos concorren aos primeiros premios de innovación na Formación Profesional, convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co obxectivo de potenciar o emprendemento, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, buscando a calidade e a excelencia na Formación Profesional. Os premios están dotados con 300.000 euros.
Cómpre salientar a alta participación na convocatoria dos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), un total de 14 dos 17 que dependen da Consellería de Cultura e Educación. Ademais, estes 14 centros coordinan 36 dos proxectos presentados (o 57% do total) e participan nun total de 42 (o 66,7% dos presentados).
Un total de 100 empresas ou entidades de prestixio participan nas iniciativas propostas, tanto universidades como outros centros educativos e empresas estranxeiras e galegas de gran potencial e proxección nacional e internacional, incluíndo algunhas coas que a Consellería xa está a colaborar no eido da formación en centros de traballo do alumnado da FP, así como a través de colaboración e donación de material aos centros educativos. A relación de empresas e proxectos pode consultarse no portal educativo, no enlace web http://www.edu.xunta.es/fp/premios-proxectos-innovacion-fp-2014-presentados.
Os centros puideron presentar os proxectos nas dúas modalidades da convocatoria, a A, para a Innovación tecnolóxica ou científica; ou a B, para a Innovación didáctica. A primeira delas dedícase a iniciativas para a mellora de procesos de produción e/ou de prestación de servizos, orientados a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o entorno produtivo. A modalidade B contempla proxextos que teñen como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan un clara innovación nalgunha das familias profesionais, orientados á introdución e aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, instrumental ou maquinaria na aula ou taller, entre outras iniciativas novidodas. Ademais, ditos materiais deben ser facilmente trasladables a outros centros
Na avaliación e selección dos proxectos gañadores, que recibirán orzamento para o financiamento de parte do seu desenvolvemento, valorarase especialmente a participación de outros centros, empresas ou entidades, así como a mellora que o proxecto supoña na empregabilidade do alumnado, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais; así como o seu posible impacto no entorno produtivo do centro de ensino.
Rexístrate como: