O pasado mércores o salón de actos da asociación ourensá Aixiña (plataforma para a integración de dependentes e persoas con diversidades funcionais ou cognitivas) acolleu a sinatura do convenio de colaboración entre a Asociación de Dano Cerebral Adquirido Renacer, representada por Noelia Luque (coordinadora) e a empresa galega de aparellos tecnolóxicos Primux Tech, representada por José Morán (xerente) e Javier Bordejé (director técnico). Mediante este convenio Primux Tech realizará un desconto nos seus dispositivos a todos os asociados de Renacer Ourense.
Ademais, cederá de xeito desinteresado tres tablets de 9,7 polgadas con pantalla IPS para seren empregados en Renacer como “banco de préstamo para aqueles membros da asociación que non teñan recursos para adquirir un dispositivo novo, ou ben como instrumento de traballo nas sesións de rehabilitación”. Así mesmo, Primux dará soporte técnico aos monitores de Renacer mediante obradoiros ou atención telemática. O obxectivo deste asesoramento será contribuír a resolver dúbidas e orientar aos monitores no emprego e funcionalidades das novas tecnoloxías da información, tal e como explicou Javier Bordejé.
Pola súa banda, Noelia Luque apuntou que en Renacer trabállase sempre “co obxectivo de devolver todas as capacidades ás persoas con dano cerebral adquirido” e dende a asociación estímase “que as novas tecnoloxías poden facilitar que alguén con problemas de memoria, de organización ou da fala, dispoña de novos recursos de apoio, como poden ser unha muleta ou unha cadeira de rodas”.
Para Primux Tech o feito de colaborar con asociacións sen ánimo de lucro, como Renacer, “que defenden un fin social e tratan de axudar e mellorar a calidade de vida de persoas en risco de exclusión social ou tecnolóxica”, constitúe unha parte importante da súa filosofía empresarial, a tecnoloxía lóxica.
Rexístrate como: