A Consellería de Traballo e Benestar está a apostar por políticas dirixidas ao envellecemento activo dos maiores galegos e á prevención da dependencia. Así o destacou hoxe en Ourense a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, na inauguración da novena edición da feira Galisenior, onde acudiu acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.
Con respecto ao envellecemento activo, Mato avanzou que Galicia converterase nunha das primeiras comunidades autónomas en aplicar o Índice de Envellecemento Activo para o deseño das novas políticas públicas destinadas aos maiores. Trátase dun índice elaborado pola Comisión Europea e Nacións Unidas que mide factores esenciais para un envellecemento activo, como a relación coas novas tecnoloxías, o emprego ou a relación co entorno. A súa aplicación, segundo explicou Mato, permitirá sinalar con precisión cales destes factores teñen un comportamento positivo en Galicia e en cales se debe seguir mellorando. “É unha ferramenta moi útil para o deseño e desenvolvemento das políticas públicas relaconadas co envellecemento activo”, apuntou a conselleira.
Ademais, Mato lembrou que Galicia foi nomeada en 2013 Rexión de Referencia do Envellecemento Activo pola Comisión Europea polos seus avances nesta materia, especialmente no ámbito das novas tecnoloxías. Neste eido, a titular de Benestar recordou que a Xunta está a desenvolver sistemas avanzados de teleprevención como MiAvizor, que a través de sensores sen fíos permite aos usuarios permanecer con total seguridade no seu domicilio habitual.
No ámbito do envellecemento activo, tamén é preciso resaltar que un dos recursos específicos para desenvolver esta materia son os centros sociocomunitarios que dependen da Consellería de Traballo e Benestar. En total son 44 en toda Galicia dos que 11 están emprazados na provincia de Ourense.
En canto á prevención da dependencia, a conselleira indicou que a Xunta traballa en diversas materias, como a Estratexia para a Prevención da Dependencia, un plan que marca a folla de ruta no camiño da prevención desde o presente ata o ano 2020. As case 400 medidas que compoñen este plan teñen unha finalidade esencial, que é consolidar o enfoque preventivo en todas as políticas sociais. Outra das actuacións nas que se está a traballar neste ámbito é no Plan Marco de Atención Sociosanitaria ou a Estratexia de Cronicidade para seguir avanzando na coordinación sociosanitaria.
Por último, Mato referiuse ao novo modelo de carteiras, que poñen o acento nos servizos que se prestan, permitindo facer un traxe a medida das necesidades de cada usuario dos servizos sociais en Galicia. A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha na área social catro carteiras, das que xa está en vigor a destinada ás persoas con dependencia. Agora trabállase nas de persoas con autonomía, a de familia e infancia e a de inclusión.
Para rematar, a conselleira puxo en valor a feira Galisenior, un espazo para o intercambio de experiencias e para a difusión dunha imaxe dos maiores libre de estereotipos. “Este evento converte á cidade de Ourense por uns días no referente estatal da xerontoloxía”.
Rexístrate como: