A Universidade de Salamanca presentou unha aplicación para móbiles cualificada como o primeiro servizo de nutrixenética, a nivel mundial a través de smartphones. A idea é que, tras realizarse un test de ADN, calquera usuario pode adaptar o seu consumo de alimentos aos pratos que máis lle conveñen dentro da dieta mediterránea, aínda que tamén se pode utilizar a app sen a proba xenética para obter consellos nutricionais xenéricos.
No desenvolvemento deste produto, que xa está dispoñible para os sistemas operativos iOS, Android e Blackberry, participou un equipo de investigación formado por 14 persoas especialistas en nutrición e medicina. O proxecto é froito da colaboración entre a Cátedra Extraordinaria Fiiperva de Hipertensión e Risco Cardiovascular da Universidade de Salamanca e a empresa Nutrigen Service, de maneira que as recomendacións personalizadas da dieta se basean en estudos científicos.
O investigador Juan Macías Núñez explicou en declaracións recollidas por DiCYT que non todos os organismos responden da mesma forma ante unha determinada dieta. Algunhas persoas din que comen pouco pero que engordan e pode ser certo, pero só un test xenético pode encontrar nos seus xenes a clave. A partir desta información, pódese fabricar unha dieta axeitada.
"Hai quen se toma un café pola noite e pode durmir perfectamente porque o metaboliza moi rápido, mentres que outros o toman a media mañá e xa non dormen porque seguen tendo no sangue as substancias inxeridas hai horas", pon como exemplo Macías. Estas diferenzas pódense encontrar no xenoma de cada persoa, pero os investigadores, como os da cátedra Fiiperva, seguen traballando para axustar aínda máis os perfís.
Test xenético
Este novo servizo ofrece a posibilidade de enviar un kit ao usuario co que tomar unha mostra do epitelio bucal, suficiente para realizar a análise xenética. O paciente envía ao laboratorio de Nutrigen Service a mostra e recibe os resultados, que son válidos para toda a vida. A partir de aí, estes datos sincronízanse coa app para que cada persoa teña en conta o que debería comer.
A aplicación Nutrigen ofrece menús, listas da compra, a posibilidade de rexistrar o peso e ver a súa evolución e mesmo artigos para aprender a comer de forma máis sa. Tras un primeiro período de proba gratuíta, ten un custo de 2,50 euros ao mes, mentres que realizar o test xenético, que se leva a cabo en laboratorios de Madrid e Salamanca, supón 199 euros.
"Ofrecemos un servizo, en colabroación cunha empresa privada, para beneficio da sociedade," afirmou na presentación o decano da Facultade de Medicina, Francisco Javier García Criado, que tamén estivo acompañado por Diego Pérez Pombo, de Nutrigen Service, responsable da idea.
Fronte a esta posibilidade de elaboración dunha dieta baseada en criterios científicos, os responsables deste proxecto alertaron contra as axudas estrela que indican o consumo de certos produtos en determinados días, cualificándoas como "desastre metabólico", en palabras de Juan Macías, que en liñas xerais recomenda a dieta mediterránea.
Rexístrate como: