Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
#Arrinca Santiago

Doutro Xeito Coworking organiza en Santiago un obradoiro-lanzadeira de proxectos: #Arrinca

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 06/05/14 (10:13)

Compostela vai acoller os días 9 e 10 de maio unha actividade de emprendemento con espírito Startup Pirate aínda que coas súas particularidades. Falamos da nova edición de Arrinca, que terá a súa sede no espazo Doutro Xeito Coworking (rúa do Hórreo 22, terceiro andar), unhas novas instalacións locais para o traballo colectivo e o espírito innovador emprazadas na Praza de Galicia. E en que consiste #Arrinca? Pois segundo nos conta a organización da convocatoria santiaguesa (Doutro Xeito) trátase dunha xornada intensiva de traballo en equipo na que, durante día e medio, preséntase un proxecto real, organízase un grupo, estúdanse as vantaxes e os inconvenientes e expóñense unhas conclusións finais co aprendido.


A actividade dá comezo na tarde do venres coa exposición de cinco proxectos por parte dos seus promotores e a organización dos equipos. O sábado empézase á mañá coa explicación do modelo de negocio Canvas e, a través del, trabállase sobre as feblezas e fortalezas de cada un dos proxectos. Ao final da xornada, faise unha rolda de conclusións. Durante todo o proceso, os grupos de traballo contan coa axuda de mentores especializados en redes sociais, empresas, asesoría xurídica e fiscal, deseño de produto e procesos de creación e innovación.


Segundo informa a organización de #Arrinca, a intención é “conseguir que as persoas en fase de emprender, de autoempregarse ou de reinventarse, non se atopen soas no proceso, que conten coa axuda de profesionais na súa mesma situación mediante a experiencia de proxectos creados anteriormente e do asesoramento en diferentes áreas”. Para tal fin, potenciarase a metodoloxía do worknetting, conseguindo que os participantes constrúan a súa rede de contactos o máis densa posíbel “durante esta xornada de traballo que vai alén dun intercambio de tarxetas”.


O prezo da inscrición é de 15 euros para sufragar os gastos de material, cafés e aperitivos e o xantar do sábado. Cóntase co patrocinio de AJE Santiago que obsequia a todos os participantes coa posibilidade de asistir de balde ás actividades que organice dita entidade durante dous meses.


Lembrar tamén que #Arrinca xa se celebrou previamente en Narón, e que os seus destinatarios principais son “profesionais que viven en primeira persoa a revolución da comunicación e as novas formas de traballo que están a desenvolver”. É un evento pensando para os que queiran presentar unha idea de negocio e darlle forma e tamén para os que só desexen asistir á actividade na procura de oportunidades ou inspiración. Para máis datos, cómpre visitar os sitios de Arrinca en Facebook e Twitter. 

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal