Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación das axudas

Benestar destina este ano 3,7 millóns de euros para apoiar ás entidades de iniciativa social


  • A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, explicou hoxe as novidades da orde para estes colectivos que saíu publicada no DOG esta semana

  • A publicación desta liña de subvencións adiantase nun mes con respecto ao ano pasado, atendendo, desta maneira, á demanda das entidades

  • O prazo de inscrición para presentar as solicitudes está xa aberto

  • Blíndase con 1,5 millóns de euros con respecto a 2013 as axudas a albergues, comedores e centros de acollida de Galicia e, ao igual que o ano pasado, garántese a subvención a todas estas instalacións que teñan autorización oficial da Xunta

  • González presentou tamén o Informe Social de Inclusión (ISI) para a mellora da coordinación entre os profesionais e as institucións que participan na atención e tramitación de recursos para as persoas en risco ou situación de exclusión social 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 05/05/14 (09:41)

A Consellería de Traballo e Benestar destinará este ano ás entidades de iniciativa social un total de 3,7 millóns de euros. A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, presentou hoxe as novidades desta orde de axudas que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o mércores pasado e que está dirixida ás entidades de iniciativa social que traballan a favor dos colectivos máis desfavorecidos. Polo tanto, o prazo de inscrición para presentar as solicitudes xa está aberto.


Con respecto ao orzamento, do global destas axudas destinaranse aos albergues, comedores e centros de acollida de Galicia 1,5 millóns de euros, a mesma cifra que en 2013, garantíndose, por segundo ano consecutivo, que todas estas instalacións que teñan autorización oficial da Xunta reciban a subvención se a solicitan e cumpren os requisitos. Deste xeito, estas axudas non se concederán, ao igual que en 2013, por concorrencia competitiva, senón que están garantidas para todas as entidades autorizadas e terán un importe fixo por cada persoa atendida, tal e como incidiu González.


Esta liña de axudas, que hoxe presentou a directora xeral, volve a unificar tres ordes (albergues e comedores, programas de inclusión das entidades de iniciativa social e para as persoas inmigrantes) nunha soa convocatoria. Polo tanto, a orde tamén inclúe subvencións para programas de entidades de iniciativa social, concedidas por concorrencia competitiva, e divididas en tres tipoloxías: programas complementarios aos servizos sociais comunitarios, programas de inclusión que aposten pola realización dun itinerario sociolaboral e programas específicos de integración para a poboación inmigrante.


Esta iniciativa de unificar as tres ordes nunha soa, que se puxo en marcha en 2013, repítese este ano, xa que, segundo explicou González, permitiu “unha maior axilidade na tramitación dos expedientes, ademais de procurar a máxima eficiencia, ao tempo que se acadou un procedemento máis claro que facilitou a estas entidades a solicitude destes programas”.


Ademais, este ano, e, como novidade, adiantouse nun mes a publicación no DOG destas axudas, cumprindo, desta maneira, cunha demanda destes colectivos co propósito de facilitarlles os seus pagamentos.


A contía das axudas vai estar outra vez directamente vinculada ao número de persoas atendidas. Ata 2012, as entidades xustificaban a súa actividade presentando xustificantes de gasto dos programas mentres que desde 2013, o que xustifica son os servizos.


As entidades sociais interesadas en recibir estas axudas contarán co prazo dun mes para presentar as súas solicitudes, que se deberán tramitar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Os colectivos que reciban axuda poderán xustificar a súa actividade desde o pasado 1 de xaneiro, e, polo tanto, o financiamento da mesma computará desde principio deste ano e non desde a data da resolución da orde.


A directora xeral, ademais, destacou, por último, referido a esta orde de axudas, que o orzamento global, os 3,7 millóns de euros, supón un incremento do 14 por cento con respecto ao exercicio anterior.


Informe Social de Inclusión (ISI)


Por outra banda, a directora xeral de Familia e Inclusión informou sobre a próxima posta en marcha do Informe Social de Inclusión (ISI) para a mellora da coordinación entre os profesionais e as institucións que participan na prevención e na atención das persoas en risco ou situación de exclusión, así como nos diferentes procesos administrativos para o acceso ás diversas prestacións e servizos na área da inclusión social.


Hoxe publicouse na web da Consellería de Traballo e Benestar a orde que aproba a aplicación deste novo modelo para a súa exposición pública. Posteriormente publicarase no DOG para a súa entrada vigor.


Esta iniciativa facilita o traballo profesional cun tripo obxectivo: homoxeneizar os criterios para a recompilación e a organización da información que se reflicte no informe social; recoller a información necesaria para a xestión dos diferentes servizos e prestacións, servindo á vez de base para a comunicación e a coordinación interprofesional e interinstitucional; e, por último, garantir que cada profesional se basee nos mesmos indicadores que se teñen que ter en conta nas diferentes intervencións.


Segundo explicou González, o que se pretende é facilitar un instrumento normalizado que recolla a información básica, pero suficientemente ampla para lograr unha perspectiva global da situación das persoas e mais da súa unidade familiar e do seu contorno, así como das súas necesidades. Na elaboración deste modelo contouse co Colexio de Traballadores Sociais e cun grupo de traballo constituído polos principais axentes implicados nas intervencións da área de inclusión social, o que posibilitou incorporar a experiencia do persoal técnico que traballa no ámbito dos servizos sociais, en xeral, e da inclusión social, en particular. Esta actuación dá continuidade a posta en marcha o ano pasado dun modelo de informe social unificado para a área de dependencia, discapacidade e promoción da autonomía persoal.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal