O encontro #Nethinking da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria consolídase na súa cuarta edición como un foro de referencia sobre internet e os novos modos de comunicar, cunha gran repercusión mediática e posicionamento no ámbito dixital. Así se confirma tras analizar os resultados acadados neste foro, celebrado na pasada fin de semana na Illa de San Simón, e no que participaron algúns dos referentes na rede, desde xornalistas ata artistas, creadores de contidos, produtores e consultores.
O obxectivo da cuarta edición foi analizar a situación actual e as perspectivas de futuro de internet como ferramenta para o emprendemento, os novos modelos de negocio, o estatus do creador e do usuario, os novos medios, a educación ou os novos contidos.
O encontro, aberto ao mundo a través da participación virtual en twitter e o seguimento en directo en streaming, acadou un récord de interacción co público e repercusión na rede. Foron máis de dez millóns os impactos rexistrados en twitter, seguindo os hashtag #Netkinking2014 e #Nethinking, e o evento foi seguido en directo por streaming en máis de 30 países. Ademais, as sesións foron volcadas integramente no canal de #Nethinking en youtube, ao que se pode acceder a través da web www.nethinking.es, onde está accesible toda a información relativa a esta edición, ao proxecto #Nethinking, participantes e conclusións de todas as edicións.
Destacados expertos en comunicación
Neste encontro, aberto ao mundo desde a Illa de San Simón, participou o grupo da comunidade #Nethinking, formado por destacados expertos en comunicación, xornalismo e publicidade como Risto Mejide, que se incorporou ao equipo nesta edición; Raquel Martos, Marilín Gonzalo, Antonio Delgado ou Mario Tascón. Tamén participaron referentes na blogosfera e nas redes sociais como Eduardo Arcos, Javier Pedreira “Wicho”, Miguel Ángel “el hematocrítico” ou José Jiménez Moltó “Kurioso”.
O artista, escritor e articulista Julián Hernández ou o director de SGAE Noroeste, Juan Carlos Fasero, foron outros dos membros do equipo #Nethinking2014, xunto co social media manager Ismael El-Qudsi e o experto en pedagoxía e sociedade dixital Joaquín Rodríguez. No transcurso do foro o público virtual foi vertendo as súas opinións e mesturándose no time line coas impresións dos propios expertos. O tuit con maior éxito foi o lanzado pola xornalista e escritora Raquel Martos, que recibiu 88 retuits recollendo unha reflexión do publicista Risto Mejide: “Unha marca non é de quen a xestiona senón de quen a consome”. Con respecto ao número de seguidores en twitter, destaca o propio Mejide, que conta con preto de 1,7 millóns followers.
Na presente edición abordáronse en seis sesións os temas de maior actualidade en relación co desenvolvemento da rede: os novos e vellos medios de comunicación, os dereitos do creador e do usuario, a nova Lei de propiedade intelectual, os usos das redes sociais, a adaptación dos contidos aos distintos formatos, a educación dixital tanto no ámbito familiar como no escolar, o emprendemento e os desafíos de cara ao futuro.
Creatividade para innovar
Tras os debates, os participantes elaboraron un documento de conclusións no que resumiron as claves do seu posicionamento respecto destes temas. Así, sinalaron en canto aos medios que a creatividade é o principal motor de novas ideas para acabar innovando no panorama mediático, adaptándose a unha revolución social na que as persoas consomen información e entretemento de xeito diferente, o que modifica o tipo de contidos e o modo de distribuílos. En canto aos dereitos do creador e do usuario, conclúen que a lexislación sempre foi por detrás das necesidades reais dos usuarios e destacan que non existen modelos comerciais consolidados e implantados a nivel global como alternativa á pirataría.
Os modelos de creatividade e os contidos, outro dos aspectos que maior debate suscitou, mudaron en opinión dos expertos do concepto da economía da atención ao da xestión das expectativas. Os tempos acelerados das redes sociais obrigan aos creadores de contidos e publicidade a vivir na observación constante de todo o que está a suceder no ecosistema dixital. Con respecto á educación, os membros do grupo #Nethinking opinan que as tecnoloxías non se aproveitan o suficiente e que o contorno do ensino debe adaptarse e saír da áncora da memorización e a repetición, para o cal a existencia de internet e as súas ferramentas constitúen unha grande oportunidade.
O emprendedor dixital
O emprendemento tamén foi unha palabra repetida nas sesións, nas que se analizaron as distintas posibilidades que existen e o expertos lembraron que o emprendedor dixital debe desenvolver e madurar os seus proxectos antes de lanzarse á rede, co fin de evitar frustracións. Tamén consideran que se debe potenciar o emprendemento na rede e fomentar o uso das novas tecnoloxías nas empresas. Por último, falando do futuro, conclúen que a fenda dixital segue a ser enorme e que o máis inquietante de cara aos próximos anos será a batalla brutal do poder polo control de internet. Como maior ameaza sinalan a perda de privacidade e reclaman que as leis vaian encamiñadas a protexela.
Rexístrate como: