Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Xesús Vázquez Abad na presentación de ‘#NeThinking2014’

Xesús Vázquez Abad presenta a cuarta edición de #NeThinking, un encontro que se celebrará os días 25 e 26 de abril na Illa de San Simón


  • A Consellería de Cultura e Educación organiza este evento que versará sobre os novos modos de comunicar, xerar e distribuír contidos e obter rendemento social, laboral e empresarial na era internet

  • Ao equipo de expertos en redes sociais, educación ou mercado dixital sumaranse este ano novas incorporacións como a do publicista e comunicador Risto Mejide ou o presidente da Fundeu, Joaquín Müller

  • A Illa do Pensamento abrirase de novo á participación virtual a través de streaming e Twitter, medio no que en anos anteriores obtivo máis de 6 millóns de impactos e dous trendings topic

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 23/04/14 (08:53)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe ‘#NeThinking2014’, un foro que se celebrará os días 25 e 26 de abril na Illa de San Simón. Esta será a cuarta edición dun evento no que se conversará sobre os novos modos de comunicar, xerar e distribuír contidos e obter rendemento social, laboral e empresarial na era internet.


Vázquez Abad explicou que “o éxito acadado nas tres celebracións precedentes fálanos dunha fórmula moi operativa e de grande incidencia práctica para o desenvolvemento desta forma de intelixencia en ámbitos fundamentais para o mundo contemporáneo”. Neste sentido, destacou que “a educación, a cultura, os negocios, a transformacións colectivas e moitos outros temas veranse enriquecidos coas novas fórmulas propostas dos profesionais que se comprometen con esta iniciativa e de todos os internautas que participarán”.


Asemade, o titular de Cultura e Educación asegurou que “as meirandes enerxías con valor de futuro están no capital intelectual e na súa xestión responsable e eficaz”, e explicou que con ‘#NeThinking2014’ “preténdese crear un marco de reflexión sobre os desafíos que as novas tecnoloxías supoñen para conceptos tradicionais relacionados coa cultura, co proceso ensino-aprendizaxe, coa linguaxe ou co formato dos medios de comunicación”.


Cuarta edición


Este evento, que está organizado pola Consellería de Cultura e Educación, tratará de consolidarse un ano más como un foro de referencia para o debate e a análise das novas formas de comunicación. Durante dous días un equipo formado por artistas, creadores, referentes da blogosfera, consultores e xornalistas que veñen participando neste singular foro conversarán con profesionais de prestixio sobre diferentes temas.


Entre os participantes destacan o publicista e comunicador Risto Mejide; o director xeral da Fundación del Español Urgente, Fundeu, Joaquín Müller; e os profesores Miguel Ángel López, “Hematocrítico” e Joaquín Rodríguez. Compartirán as súas impresións con expertos como Ismael El-Qudsi, Mario Tascón ou Javier Celaya, xornalistas e creadores como Raquel Martos ou Julián Hernández e expertos en medios dixitais como Marilín Gonzalo ou Eduardo Arcos.


O singular formato de #NeThinking permitirá abrir de novo durante dous días a Illa do Pensamento non só a nivel físico senón tamén virtual, xa que as sesións retransmitiranse en directo por streaming e cun activo seguimento en Twitter. En edicións anteriores este evento acadou máis de 6 millóns de impacto, foi Trending Topic en varias ocasións e seguido en directo por internautas de máis de trinta países.


Nesta edición as temáticas principais estarán vinculadas a aspectos como os novos medios de comunicación, a Lei de Propiedade Intelectual ou o emprendemento. Como nas edicións anteriores, as xornadas serán abertas e dinámicas, con participación libre de todos os integrantes do foro, aos que os internautas poderán formular preguntas en directo e compartir as súas reflexións sobre o presente e o futuro dun mundo en permanente revolución.

Tema: Xeral
Fonte: xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal