Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Entrega de diplomas

O programa de solidariedade TIC da USC entrega os diplomas aos seus participantes

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 15/04/14 (09:31)

Era no mes de novembro cando botaba a andar o proxecto Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C), unha idea solidaria que quere afondar no compromiso e na responsabilidade social da Universidade de Santiago de Compostela (USC), contribuíndo a ampliar a oferta formativa dun colectivo en risco de exclusión social -as persoas con discapacidade intelectual- co fin de mellorar o seu grao de empregabilidade e evitar que permanezan illadas da sociedade da información. O proxecto culminou a pasada semana coa entrega de 9 diplomas a persoas con diversidade cognitiva de Lugo.


Cómpre dicir que esta é unha iniciativa que se axusta ás pretensións que propiciaron a creación da Aula TIC-PEME da USC emprazada no campus da Cidade da Muralla e que conta con financiamento da Fundación La Caixa, os seus obxectivos son a activación de propostas e proxectos de formación e asesoramento de capital humano asociado ás TIC, o traballo na formación continua ao longo da vida laboral a través da xeración de ofertas específicas que favorezan o acceso aos recursos e medios máis novos no eido das TIC.


O proxecto da Aula TIC-PEME da USC seleccionaba a universitarios/as voluntarios/as interesados/as en participar, completando estes un programa de formación específico no que adquiriron as habilidades e competencias precisas para desenvolver este programa de alfabetización informática de persoas con diversidades cognitivas, funcionais ou motrices. Logo deste proceso de formación, o grupo de voluntarias universitarias achegou (a xeito de titoras) a outras tantas persoas coas ditas características ao mundo das TIC nas distintas sesións presenciais desenvolvidas todos os mércores dos meses de febreiro e marzo nunha das aulas de informática da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.


O proxecto Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C) culminaba esta semana coa entrega de diplomas a 9 persoas con discapacidade intelectual e residentes no centro San Vicente de Paúl de Lugo que durante oito semanas recibiron formación en materia TIC e ampliaron o seu coñecemento sobre o uso de distintas aplicacións de ofimática e Internet (Internet, correo, chat, word, excel, ppt, retoque fotográfico...). Ao acto de entrega -que tiña lugar na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo- asistían: o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a coordinadora da Aula TIC-PEME da USC, Ángeles López Cabarcos; José María Vázquez, en representación de CaixaBank, e sor Alicia, do centro lugués San Vicente de Paúl. 

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal