Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou en Santiago a prim

Benestar apoia o uso das novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida das persoas maiores


  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou en Santiago a primeira edición da xornada Ticsenior

  • Mato apuntou que as TIC ofrecen múltiples vantaxes no eido da autonomía persoal e son un dos piares sobre os que se asenta a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia

  • A titular de Benestar apuntou que o feito de que os maiores participen en actividades de voluntariado permite mellorar a súa vida comunitaria e a súa calidade de vida con melloras na saúde física, na mental e na autopercepción da saúde

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 09/04/14 (08:39)

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou as vantaxes que as novas tecnoloxías poden proporcionar ás persoas maiores, na inauguración da primeira edición da xornada Ticsenior hoxe en Santiago.


Na súa intervención explicou que o envellecemento activo contribúe á saúde fronte aos malos hábitos que supón o sedentarismo, permite aos maiores coñecer e manter relación con persoas de distintas xeracións, así como intercambiar coñecementos, achegando valor á sociedade coa súa experiencia e aprendendo á súa vez do dinamismo dos mozos.


Mato lembrou que en 2013 a Comisión Europea nomeou a Galicia rexión de referencia do envellecemento activo, especialmente no apartado de novas tecnoloxías, ademais de tratarse dunha das primeiras Comunidades en aplicar o Índice de envellecemento activo, unha ferramenta que mide diversos factores esenciais.


A titular de Benestar apuntou que o feito de que os maiores participen en actividades de voluntariado permite mellorar a súa vida comunitaria e a súa calidade de vida con melloras na saúde física, na mental e na autopercepción da saúde.


Entre os programas desenvoltos en Galicia neste eido, destaca o proxecto Grundtvig financiado pola Unión Europea para o intercambio de experiencias entre voluntarios sénior de distintos países; ou o voluntariado cultural nas bibliotecas nodais de Galicia, no que participan 24 persoas que facilitan o acceso á cultura e ao lecer aos cidadáns.


Así mesmo, o voluntariado para persoas con alzhéimer, con 14 integrantes, mellora a sensibilización e o coñecemento deste enfermidade e ofrece apoio ás persoas que o sofren, así como as súas familias e coidadores.


No ámbito do voluntariado dixital, Mato explicou que “se trata dunha ferramenta colectiva composta pola solidariedade e o compromiso dunha gran cantidade de voluntarios individuais”. É un programa desenvolto por Benestar en colaboración coa AMTEGA que conta na actualidade con 340 voluntarios e preto de 80 entidades, grazas ao que se chega a máis de 4.300 beneficiarios.


Doutra banda, Beatriz Mato apuntou que as TIC ofrecen múltiples vantaxes no eido da autonomía persoal e son un dos piares sobre os que se asenta a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia, que consta de 400 medidas e constitúe a folla de ruta a seguir ata 2020.


No departamento autonómico desenvólvense varios sistemas avanzados en materia de teleprevención, como é o caso dos sistemas Mi-Avizor, Sam TV e Telexerontoloxía. O Mi-Avizor está composto por sensores inalámbricos no fogar que xa están instalados en 227 vivendas; Sam-TV é unha plataforma de axuda á dependencia que funciona a través da televisión; e Telexerontoloxía é un sistema informático que se manexa a través dunha sinxela pantalla táctil e unha conexión a Internet.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal