Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Voluntariado Galego

Xuventude pon en funcionamento o novo Consello Galego de Acción Voluntaria que outorga máis peso ás entidades


  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o decreto que regula á modificación deste organismo que, segundo a Lei de acción voluntaria de 2011, ten entre as súas funcións a coordinación e o asesoramento nesta materia

  • O número de asociacións de acción voluntaria medrou un 15 por cento nos últimos anos, ata superar as 860

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 04/04/14 (08:31)

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o decreto que regula o novo Consello Galego de Acción Voluntaria que outorga máis peso ás entidades. A Consellería de Traballo e Benestar, deste xeito, pon en marcha este novo organismo, que xa existía, pero que agora se modifica a súa composición para promover o papel das asociacións, é dicir, o obxectivo deste cambio é dotar de máis representación ás entidades do sector, en detrimento da Administración autonómica.


A Lei de acción voluntaria de Galicia de 2011, que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento galego, establece que este Consello é o máximo órgano de participación, coordinación e asesoramento na materia.


As principais funcións céntranse en emitir informes sobre os proxectos do Goberno no eido do voluntariado; asesorar e informar; servir de punto de encontro entre as administracións e as entidades; detectar e analizar as necesidades básicas na materia; velar pola calidade das prestacións; ou propoñer novas actuacións.


Para conseguilo, créase unha vicepresidencia segunda para o representante da confederación con maior número de entidades inscritas no Rexistro de acción voluntaria e créanse dúas novas vogalías para entidades . Deste xeito, os axentes que traballan neste ámbito contarán cun maior peso no órgano, que ademais pasa a incorporar tamén ás universidades.


Con estas modificacións, reafírmase a importancia das estruturas de participación cidadá e consolídase este Consello como máximo órgano de asesoramento en materia de voluntariado. Esta iniciativa inscríbese na aposta do Goberno galego por seguir apoiando o voluntariado, que cada vez ten unha maior relevancia na sociedade galega. Proba disto, é que as entidades inscritas no rexistro da Xunta aumentaron nun 15 por cento desde o 2008, de xeito que agora superan as 860 asociacións. Parello a este incremento, produciuse tamén un aumento no número de persoas voluntarias inscritas, que superan xa as 36.400.


Ademais deste cambio, a Xunta desenvolve diversas iniciativas relacionadas con este eido como os proxectos de voluntariado nos cárceres; o pasaporte solidario; o acompañamento a persoas con alzhéimer; o voluntariado dixital, nas bibliotecas, ou de carácter ambiental; o intercambio de voluntarios sénior con outros países; ou o Servizo de Voluntariado Xuvenil.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal