O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) en Santiago acolle hoxe a xornada ‘Ticsenior 2014’ coa que colabora a Consellería de Traballo e Benestar para acercar as novas tecnoloxías ás persoas maiores. Para a organización deste evento, o departamento autonómico asinou un convenio coa Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga). O obxectivo da iniciativa é acadar unha maior integración das persoas maiores no seu entorno próximo e incluso global, así como a promoción do voluntariado do maiores como un dos elementos principais do envellecemento activo.
Nesta xornada, entre outros profesionais, participará a presidenta e fundadora do Grupo Catalina Hoffmann, Catalina Hoffmann, quen é un referente profesional no sector da Terceira Idade. A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, mantivo onte con ela un encontro previo á xornada no que puideron intercambiar experiencias e actuacións no eido da prevención da dependencia e promoción do envellecemento activo.
Piñeiro fixo especial fincapé na ‘Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia, horizonte 2020’, que recolle 400 propostas ou medidas para previr a dependencia e promover o envellecemento activo. Esta folla de ruta da Consellería de Traballo e Benestar o que pretende é, segundo explicou Piñeiro, “impulsar programas que manteñan en activo ás persoas, que lles permitan permanecer no seu entorno e que fomenten a participación dos maiores,así como as súas relacións sociais a través de programas de ocio, entre outras medidas”.
Método Hoffmann
A presidenta e fundadora do Grupo Catalina Hoffmann participará hoxe na xuntanza como poñente, centrando a súa intervención no ‘Método Hoffmann’, unha nova ferramenta para o envellecemento activo. Trátase dun sistema de coidado e atención personalizada que ten en conta as áreas físicas, psíquicas, cognitivas e sociais. A actividade deste grupo está inspirada e orientada ás persoas maiores e ás súas familias.
Rexístrate como: