Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación de APSIS4all

Technosite e "a Caixa" deseñan unha solución para superar barreiras de accesibilidade nos caixeiros automáticos

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 01/04/14 (08:49)

Technosite, compañía especializada en tecnoloxías accesibles, do grupo de empresas da ONCE e a súa Fundación, e "a Caixa", a primeira entidade financeira en España, presentaron hoxe o proxecto europeo APSIS4all, a través do cal se desenvolveu unha solución para superar barreiras de accesibilidade en dispositivos electrónicos de uso público, como os caixeiros automáticos.


O acto de presentación contou coa presenza do director xeral de Technosite, José Alfonso García Escribano; o director xeral de e-laCaixa, Benjamí Puigdevall; e o coordinador do proxecto, Manuel Ortega. Así mesmo, participaron diferentes usuarios con discapacidade, que compartiron a súa experiencia na utilización dos caixeiros adaptados.


Durante a presentación, o director xeral de Technosite explicou que APSIS4all pode usarse para personalizar "todo tipo de dispositivos electrónicos" en sectores tan variados como a banca, o transporte, o turismo, a saúde, a restauración ou a educación, polo que a idea é "impulsar esta solución tanto en España como a nivel internacional". Neste sentido, García Escribano sinalou que, "aínda queda moito por percorrer pero imos por bo camiño".


Pola súa banda, o director xeral de e-laCaixa destacou o "compromiso social" da entidade, que arranca "practicamente dende que instalamos o primeiro caixeiro automático". Puigdevall indicou que "a Caixa" foi a primeira entidade "en incorporar a tecnoloxía "contactless" en caixeiros automáticos" e que a intención agora é incorporar as solucións desenvolvidas no contexto de APSIS4all "ata que toda a rede de caixeiros accesibles da entidade poida ofrecer este servizo".


Ademais, o evento contou coa presenza de usuarios con discapacidade que compartiron a súa experiencia no manexo da nova solución. Para Iván Santos, APSIS4all "ten moitos beneficios para as persoas con discapacidade e "evita moitos erros". Na súa opinión, o sistema lector de tarxetas mediante contactless "é moi cómodo". 


Así mesmo, Aurelia Fernández, usuaria de cadeira de rodas, agradeceu "de corazón" este tipo de iniciativas que facilitan a vida ás persoas con discapacidade. Para ela, sacar diñeiro antes era "unha misión imposible", pero unha vez que rexistras as túas preferencias e pides a tarxeta co teu perfil persoal "opérase de xeito moi cómodo".


O obxectivo do proxecto é superar as barreiras de accesibilidade ás que se enfrontan as persoas maiores, con discapacidade e persoas pouco familiarizadas coas tecnoloxías, cando interactuar con dispositivos de uso público.


En España, o proxecto APSIS4all permite aos usuarios personalizar a forma de usar unha rede de preto de 1.300 caixeiros automáticos de "a Caixa", ofrecendo formas de interacción adaptadas a distintos perfís. Entre as principais innovacións, destaca a incorporación nos caixeiros dun avatar que se expresa en lingua de signos para guiar os usuarios na súa operativa. Existe tamén a posibilidade de operar no caixeiro mediante a operativa guiada por voz, utilizando auriculares, en lugar de mediante información gráfica. Así mesmo, os caixeiros dispoñen de pantallas de alto contraste, textos e botóns de gran tamaño, ou navegación mediante teclado; opcións que melloran a experiencia co terminal, e que poden ser de especial utilidade para persoas con discapacidade.


Os usuarios reciben unha tarxeta "contactless", o que lles permite utilizar o caixeiro sen ter que inserila fisicamente no terminal para iniciar o operativo: abonda con achegar a tarxeta ao lector situado xunto ao teclado para que o caixeiro recoñeza o usuario e inicie a operación.


Esta mesma solución tecnolóxica pode usarse para personalizar e facer máis accesibles todo tipo de dispositivos electrónicos de uso público, como caixas de autoservicio, quioscos de información e pedido, puntos de venda electrónicos, ou terminais de pagamento, entre outros.


Por outra parte, o proxecto APSIS4all tamén está implantado na cidade alemá de Paderborn, onde a empresa Höft & Wessel instalou 24 máquinas expendedoras de tíckets de transporte.


Trátase dunha iniciativa financiada pola Comisión Europea, dentro do programa de axuda ás TIC e como parte do programa de Competitividade e Innovación da Unión Europea.


Máis información na Web Oficial de APSIS4all (en inglés) e na Web Oficial "Personaliza os teus caixeiros de forma rápida e sinxela con APSIS4all"

Tema: Xeral
Fonte: Discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal