O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou a aposta da administración autonómica pola mellora das tecnoloxías da información e da comunicación no ámbito rural que veñen avaladas por liñas de subvención recentemente publicadas tanto de acceso á internet de banda larga vía satélite como a proxectos dinamizadores das áreas rurais promovidos por microempresas para o uso das TICs.
Deste xeito, Cores Tourís destacou a publicación a mediados deste mes destas dúas liñas de axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a primeira delas destinada a mellorar o acceso das zonas rurais ás modernas tecnoloxías da información e a comunicación “que sen dúbida pasa por unha mellora no acceso á internet de alta velocidade, é dicir, de banda larga”. Estas axudas supoñen un total de 800.000 euros.
No caso concreto destas subvencións, atópanse cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural no marco do PDR de Galicia 2007-2013. “Deste xeito, a Xunta aposta polos instrumentos e polas políticas de novas tecnoloxías de cara a superar os desequilibrios territoriais no relativo ao acceso á banda larga, que, como é evidente, se fan máis acusados nas zonas rurais”, explicou o delegado territorial.
Acceso a banda larga
Os beneficiarios desta primeira liña de axudas para o acceso a banda larga son aquelas persoas que, residindo na comunidade autónoma, non dispoñan de cobertura de polo menos 2 Mbps. Deste xeito, os demandantes poderán solicitar a axuda para a instalación da nova conexión no enderezo de residencia sempre que manteñan o novo contrato de conexión á internet por un período mínimo de doce meses. Para tramitar a axuda, os interesados deberán solicitala exclusivamente a través das entidades colaboradoras seleccionadas por Agader en procedemento público e aberto. O prazo estará aberto ata o 30 de agosto.
Segundo apuntou Cores Tourís, o Plan de Banda Larga da Xunta posibilitou que Pontevedra se convertese na provincia galega con maior cobertura de Internet, xa que o 98% dos seus habitantes teñen acceso a Internet cando en 2010 ese porcentaxe era do 78,3%.
Deste xeito, segundo apuntou o delegado territorial, antes do Plan, 206.000 habitantes da provincia non podían acceder a este servizo. “Na actualidade, tódolos concellos da provincia superan o 90% de cobertura poboacional, mentres que antes do plan só un concello acadaba esta porcentaxe de cobertura”, explicou Cores Tourís.
O investimento total das axudas na comunidade dende que se puxo en marcha este plan, no 2010, é de máis de un millón de euros para dotar de cobertura a máis de 5.400 fogares e empresas das zonas galegas máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.
Proxectos dinamizadores das áreas rurais
En relación a segunda liña de subvencións que ten coma obxectivo a dinamización das TICs no eido rural, o delegado territorial destacou que foron publicadas recentemente no Diario Oficial de Galicia as axudas aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, promovidos por microempresas para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes dende a súa publicación no DOG.
Segundo matizou José Manuel Cores Tourís, este tipo de subvencións contribúen a mellorar a competitividade das empresas do rural, “e máis concretamente, neste caso, das microempresas. Non podemos esquecer que este tipo de iniciativas son fundamentais para a fixación de poboación no rural, ademais de xerar riqueza”.
“A Xunta de Galicia traballa na posta en marcha de actuacións que teñan incidencia sobre o emprego e a renda das zonas rurais e que, en definitiva, contribúan á diversificación económica e á modernización e posta en valor das zonas rurais”, rematou o responsable territorial.
Rexístrate como: