Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
A Consellería de Traballo e Benestar colabora coa Feuga

Benestar colaborará con Feuga para a celebración o 4 de abril de ‘Ticsenior 2014’ en Santiago para promover o envellecemento activo


  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o director xeral da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), Francisco Javier Pereiro, asinaron o convenio de colaboración para a organización da xornada

  • O obxectivo é acadar unha maior integración dos maiores no seu entorno próximo e incluso global a través das novas tecnoloxías

  • A iniciativa enmárcase na Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia que está a desenvolver o departamento autonómico 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 17/03/14 (10:05)

A Consellería de Traballo e Benestar está a colaborar coa Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) para a celebración o próximo 4 de abril da xornada ‘Ticsenior 2014’ que terá lugar en Santiago, no Centro de Novas Tecnoloxías, e que ten como obxectivo principal acercar o uso das novas tecnoloxías ao colectivo dos maiores para unha maior integración no seu entorno próximo e incluso global, así como a promoción do voluntariado do maior como un dos elementos principais do envellecemento activo.


Para a organización desta iniciativa, a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, vén de asinar un convenio de colaboración co director xeral da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).


O evento vai dirixido principalmente a profesores e investigadores das tres universidades galegas; a planificadores de programas de ‘Universidade para Senior’; profesionais das administracións públicas relacionados con servizos asistenciais a maiores; empresas TIC que desenvolven produtos e aplicacións orientados a maiores; e profesionais en xeral relacionados coa asistencia a este colectivo, incluídos servizos financeiros, asociacións de directivos empresariais e colectivos senior culturais e de voluntariado.


Os obxectivos específicos do evento son catro fundamentalmente: contribuír ao coñecemento sobre necesidades e estado actual da situación en Galicia en relación ao uso das TIC no colectivo das persoas maiores; construír en Galicia un foro permanente de ‘Envellecemento Activo’; crear foros sectoriais multidisciplinares en ámbitos tecnolóxicos e de empresas dispostos a abordar proxectos de innovación; e, por último, establecer a base dun futuro congreso internacional con sede en Galicia, que constitúa un punto de referencia a nivel global e, en especial europeo, de innovación orientada ao desenvolvemento de produtos e solucións de envellecemento activo e mellora da calidade de vida dos maiores.


Esta iniciativa enmárcase na Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia, horizonte 2020, que recolle 400 propostas ou medidas para previr a dependencia. O que pretende está actuación da Consellería de Traballo e Benestar é impulsar programas que manteñan en activo ás persoas, que lles permitan permanecer no seu entorno e que fomenten a participación dos maiores, así como as súas relacións sociais a través de programas de ocio, entre outras medidas.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal