Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

O DOG publica a convocatoria de axudas de Xuventude para entidades de acción voluntaria ás que se destinan 440.000 euros


  • Serán subvencionables os proxectos que sexan desenvolvidos por un máximo de 8 mozos ou mozas de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos

  • A Consellería de Traballo e Benestar incrementa este ano o orzamento desta actuación nun 17 por cento con respecto a 2013

  • O prazo para solicitar estas subvencións da Consellería de Traballo e Benestar ábrese o martes 11 ata o día 10 de abril, inclusive

  • As persoas que participen nestes plans poderán obter un certificado acreditativo que se inscribirá no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia 

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 11/03/14 (08:36)

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria de axudas da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado dirixida a entidades de acción voluntaria e locais. Esta liña de subvencións, á que a Consellería de Traballo e Benestar destina 440.000 euros, un 17 por cento máis que o ano pasado, está enmarcada no programa do Servizo de Voluntariado Xuvenil.


Serán subvencionables os proxectos que sexan desenvolvidos por un máximo de 8 mozos ou mozas de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, ou de 16 a 18 anos con autorización dos pais ou titores legais. O prazo para solicitar estas axudas comeza o martes 11 e permanecerá aberto ata o día 10 de abril.


Os proxectos deberán centrarse preferentemente nalgunha das seguintes áreas: actividades relacionadas co Camiño de Santiago; de recuperación da cultura, arte ou tradicións populares galegas; de axuda a colectivos en situación de risco; xuvenís; ambientais; ou vinculadas coa igualdade de xénero. Estes proxectos de acción voluntaria deberán ter unha duración comprendida entre 15 a 60 días. Ao remate dos mesmos, as persoas que participaron neles poderán obter da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo que se inscribirá no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. A posibilidade da emisión das certificacións oficiais das experiencias adquiridas a través do exercicio do voluntariado está recollida na Lei galega de acción voluntaria, que foi aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia a finais de 2011.


O Servizo de Voluntariado Xuvenil, no que se encadran estas axudas, consiste en incorporar ás entidades, concellos e mancomunidades, que están inscritos no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria, a mozos e mozas galegos para a súa colaboración como voluntarios.


O voluntariado xuvenil é unha iniciativa novidosa a nivel de todo o Estado, que comezou a implantarse en Galicia no ano 2011 de xeito experimental, como unha das liñas estratéxicas do III Plan Galego de Voluntariado 2011-2014, que foi consensuado cos axentes do terceiro sector na Comunidade.


Nas anteriores tres edicións, o programa de voluntariado xuvenil incorporou a máis dun milleiro de mozos e mozas a proxectos de voluntariado de entidades e concellos.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal