Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
CreAPPcontos na Escola Monte da Guía de Vigo

CreAPPcontos converte en protagonistas do seu propio conto a nenos con diversidades funcionais

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 27/02/14 (09:05)

O acto de aprender non é igual para todos, o que para uns é algo moi sinxelo, para outros convértese nunha tarefa complexa... É por iso que os nenos que se atopan con dificultades no intre de adquirir coñecementos requiren de ferramentas que os motiven. Accións tan cotiás como sumar ou diferenciar o que está ben do que está mal convértense para eles en algo máis complicado do normal, co que dispor dalgún estímulo que lles faga doada a aprendizaxe á vez que lles chame a atención facilitará a súa formación. A conto disto chéganos CreAPPcontos, unha app nada en Vigo que converte aos contos clásicos de sempre en novas historias únicas.


Con estas historias únicas os nenos poden aprender de maneira lúdica xunto aos seus profesores e desenvolver capacidades como: a linguaxe oral, o pensamento creativo e a creación de secuencias espazo-temporais. A iniciativa incorporouse xa en varias escolas e centros españois para potenciar o desenvolvemento formativo dos seus alumnos grazas á combinación de lecer e aprendizaxe da man dos contos clásicos de sempre. Asemade, vén de crearse un grupo de traballo coa asociación TADEGA (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega) de cara a achegar pictogramas á aplicación.


Segundo a opinión de expertos en educación especial -é o caso de de Feliciano Couto, mestre de educación especial do centro Nosa Sra. de Lourdes- “cos mozos con diversidade funcional cos que probamos CreAPPcontos, a actividade está bastante apoiada polo titor, terapeuta ou familia, pero é esta interacción entre neno-adulto a que posibilita situacións de aprendizaxe, autonomía e creatividade. Agora son eles os que poñen as normas”.


Cómpre subliñar un aspecto ben importante desta aplicación, pois está a axudar a mellorar a autoestima e autonomía de moitos nenos, sobre todo daqueles con autismo. O feito de que eles poidan ser protagonistas a través da creación de historias propias fai que as tarefas que leven a cabo nos centros non sexan tan pasivas como unha aprendizaxe corrente.


Engadir que CreAPPcontos está a ser empregada en centros de educación públicos e privados como ferramenta educativa. A xeito de curiosidade, dicir que a Escola Infantil Monte da Guía foi o primeiro centro público de Galicia en empregar CreAPPcontos.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal