Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Xuntanza sobre o Programa "Xuventude en Acción"

Galicia contou con máis de 100 programas de voluntariado europeo entre 2007 e 2013 no marco do ‘Xuventude en acción’


  • O responsable de Xuventude reuniuse coas entidades galegas acreditadas ante a Axencia Nacional Española que participan de xeito habitual nas distintas convocatorias do SVE

  • Erasmus+ é o novo programa da Unión Europea para a educación, a formación, a mocidade e o deporte, con vixencia 2014 – 2020, que substitúe ao  ‘Xuventude en Acción’

  • Ao abeiro do novo programa, poden participar nos proxectos non só de entidades sen ánimo de lucro e organismos públicos locais, senón tamén os organismos públicos rexionais e nacionais e as empresas con responsabilidade social cooperativa

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 25/02/14 (08:28)

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, indicou que durante o período 2007 – 2013, no marco do programa ‘Xuventude en Acción’, foron aprobados en Galicia un total de 107 proxectos do servizo de voluntariado europeo (SVE), nos que participaron 214 mozos e mozas cun orzamento de 1,4 millóns de euros.


O responsable de Xuventude reuniuse coas entidades galegas acreditadas ante a Axencia Nacional Española que participan de xeito habitual nas distintas convocatorias do SVE, unha acción incluída no novo programa europeo, dentro da liña estratéxica de mobilidade dos mozos e mozas do programa Erasmus+.


Erasmus+ é o novo programa da Unión Europea para a educación, a formación, a mocidade e o deporte, con vixencia 2014 – 2020. No eido de xuventude vén a substituír o anterior programa ‘Xuventude en Acción’ para o período 2007 – 2013.


Ovidio Rodeiro destacou as principais novidades que recolle esta iniciativa. Así, no referente á idade, rebáixase a mínima aos 17 anos, fronte aos 18 anos esixidos no período anterior, de xeito que poderán ser participantes do SVE os mozos e mozas entre os 17 e 30 anos.


Así mesmo, ao abeiro do novo programa, poden participar nos proxectos non só de entidades sen ánimo de lucro e organismos públicos locais, como acontecía ata agora, senón tamén os organismos públicos rexionais e nacionais e as empresas con responsabilidade social cooperativa. Ademais contémplase un apoio lingüístico en liña para os mozos e mozas voluntarias.


Rodeiro recordou que o período de duración do SVE será entre 2 e 12 meses. Non obstante, o programa prevé unha duración entre 2 semanas e 12 meses no caso de mozos e mozas con dificultades xeográficas, educativas, sociais ou familiares e con necesidades especiais, é dicir, con algún grao de discapacidade.


Este voluntariado realízase normalmente de forma individual. Así mesmo, o programa recolle a posibilidade de realización dun SVE de grupo no que participen polo menos 10 voluntarios, e tamén eventos a gran escala europea cun mínimo de 30.


Durante o ano 2014 os prazos para presentar as solicitudes son: 17 de marzo, 30 de abril e 1 de outubro. Rodeiro lembrou que para participar en calquera destas accións, as entidades deben inscribirse no portal do participante habilitado pola Comisión Europea para obter o correspondente código pic, imprescindible para poder participar no programa: http://ec.europa.eu/education/participans/porta

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal