A Universidade de Salamanca e o Centro de Saúde La Alamedilla desenvolveron un software capaz de analizar imaxes da retina para diagnosticar diversas enfermidades. O programa valora a información que proporcionan as fotografías de fondo de ollo, mediante as cales se poden visualizar polo miúdo os vasos sanguíneos, que á súa vez proporcionan datos relevantes sobre o estado de saúde do paciente.
A retinografía converteuse nunha proba habitual en oftalmoloxía e proporciona imaxes en cor da retina dunha forma sinxela e segura. A parte das aplicacións máis inmediatas relacionadas coa saúde ocular, a imaxe ofrece información acerca dos vasos sanguíneos, que non poden ser analizados desta forma en ningunha outra parte do organismo, e que se relaciona con enfermidades como a hipertensión, a diabete mellitus e outras enfermidades cardiovasculares. Non obstante, para interpretar correctamente estes datos é necesaria unha ferramenta informática que automatice a análise.
Unha primeira versión do software, desenvolvido por investigadores do Centro de Saúde La Alamedilla xunto á empresa Flag Solutions "medía o grosor das arterias e das veas, representándoas en distintas cores", explica a DiCYT Luis García Ortiz, médico de La Alamedilla e profesor da Facultade de Medicina da Universidade de Salamanca. Ao medir unicamente dúas arterias e dúas veas, os investigadores encontraron unha boa relación entre as imaxes e o risco cardiovascular e mesmo con lesións renais.
Para dar un paso máis e mellorar o programa, os investigadores apoiáronse no grupo de investigación informática BISITE, da Facultade de Ciencias da Universidade de Salamanca. Desta forma, conseguiron medir o grosor de veas e arterias cunha metodoloxía diferente, novas técnicas de análise de imaxe e novas ideas sobre a información que pode proporcionar, como os patróns de ramificación.
"Estudamos como se ramifican os vasos sanguíneos, vendo que cantidade de superficie están a ocupar e como a están a ocupar factores que podemos relacionar coa patoloxía vascular", indica Luis García Ortiz, que atribúe a idea ao investigador do Instituto de Neurociencias de Castela e León (INCYL) Miguel Ángel Merchán: "Eles estudan patróns de ramificación nas neuronas e nós estamos a intentar aplicar un sistema parecido".
En definitiva, o software consegue medir o grosor de veas e arterias, os seus patróns de ramificación e a superficie de ramificación. O programa clasifica os vasos en arterias e veas mediante unha técnica que analiza a densidade da cor. "É un método diferente ao que estamos a usar coa idea de mellorar a identificación de arterias e veas, unha cuestión que non é doada para unha máquina," apunta o experto.
A última fase do programa foi desenvolvida grazas ao traballo dun alumno da Facultade de Ciencias, Gabino Verde Rebollo, dentro do programa de Prototipos Orientados ao Mercado do Proxecto T-CUE, que apoia os estudantes para a realización de proxectos innovadores.
Avaliación da ferramenta
Agora, os investigadores do Centro de Saúde La Alamedilla retoman o proxecto para avaliar o software con pacientes e certificar que, efectivamente, logra os obxectivos que se propón. Por unha parte, estudarán a fiabilidade do sistema para comprobar que as medidas son correctas, para o que xa contan cun rexistro dun centenar de retinas. Por outra parte, analizarán en 300 retinas a validez dos resultados en canto á súa eficacia para medir aspectos como o risco cardiovascular con variables moi concretas, como a rixidez arterial.
O software ten posibilidades de comercializarse en centros de Atención Primaria ou en clínicas oftalmolóxicas, é dicir, "dar o salto da investigación á aplicación" e servir de apoio á telemedicina. Os investigadores xa recibiron mostras de interese procedentes mesmo de especialistas de Brasil. Aínda que hai outros programas no mercado, "ningún resulta completamente satisfactorio", afirma Luis García Ortiz. Unha opción é que estea dispoñible para os profesionais a través de internet, xa que "en formato web calquera podería facer análise de forma automática".
Rexístrate como: