Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación da nova web de Servizos Sociais da Coruña

O Concelleiro de Servizos Sociais da Coruña presenta a nova web da súa área


  • O obxectivo é lograr unha administración máis accesible e próxima.

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 13/02/14 (08:17)

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou a nova web da súa área, así como SOCYAL, a nova ferramenta de xestión da atención social: "Trátase de dous novos instrumentos, que teñen conexión entre si, e que facilitarán o día a día, tanto dos profesionais municipais como da cidadanía", asegurou.


NOVA WEB DE SERVIZOS SOCIAIS


A nova páxina, dispoñible a través das webs serviciossociales.coruna.es e servizossociais.coruna.es, pódese consultar tanto en galego como en castelán e incorpora, mellora e amplía os contidos do antigo portal de Servizos Sociais. As principais novidades son a oferta dun maior número de contidos, de funcionalidades e de servizos dixitais. "O obxectivo da nova web é chegar a toda a cidadán dunha forma sinxela, clara e accesible para que mesmo poidan resolver trámites dende a súa propia casa", indicou Lorenzo quen engadiu que os usuarios terán acceso a toda a información relacionada coa súa área e cos distintos programas e prestacións sociais, actividades e axudas ás que poden acceder.


Desta forma, a nova páxina estrutúrase nos seguintes contidos:



  • Inicio: Presentación e espazos específicos por sectores de poboación.

  • Quen somos?: Descrición dos programas municipais básicos e específicos de servizos sociais, directorio de teléfonos e enderezos, centros e oficinas. Inclúe a funcionalidade de procura selectiva de programas e centros.

  • Novidades: Noticias e novidades sobre actividades, actuacións e eventos, e as súas respectivas convocatorias.

  • Actividades: Descrición, contido e destinatarios das actividades dos centros cívicos municipais e doutros centros en materia de servizos sociais. Inclúe a funcionalidade de procura selectiva de actividades.

  • Prestacións: Descrición, contido, destinatarios, requisitos, trámites e documentación das prestacións sociais. Inclúe a funcionalidade de procura selectiva de prestacións.

  • Trámites e servizos: Consulta de trámites e impresos en materia de servizos sociais, e servizos dixitais de solicitude, consulta e anulación de cita previa, así como consulta de datos básicos da historia social individual. Inclúe a funcionalidade de procura selectiva de trámites.

  • Centros e entidades: Directorio e datos básicos de interese de centros cívicos municipais, outros centros de servizos sociais e entidades do terceiro sector. Inclúe a funcionalidade de procura selectiva de centros e entidades.

  • Documentación: Normativa, publicacións, impresos, enlaces de interese e memorias de xestión en materia de servizos sociais.

Tamén dispón de acceso a sitios web de redes sociais con presenza dos servizos sociais municipais: Facebook e Twitter e dun espazo de subscrición a un boletín dixital de noticias.


SOCYAL


Miguel Lorenzo explicou que, tras máis de dous anos de intenso traballo, en colaboración co Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través do proxecto Avanza 2, o Concello da Coruña pon en marcha a ferramenta SOCYAL, que permitirá a xestión integrada da atención social: "Trátase dun instrumento que presenta grandes vantaxes para os traballadores municipais con respecto á tecnoloxía que utilizabamos e que ademais achegará a administración á cidadanía", subliñou o concelleiro.


Neste sentido, Lorenzo informou de que SOCYAL permitirá a integración con outras bases de datos corporativas como o padrón municipal, o rueiro ou o rexistro, o que facilitará a xestión e permitirá dispoñer de expedientes sociais por unidade familiar e a nivel individual máis completos e ordenados.


"Para os profesionais supón un paso fundamental que incidirá no seu traballo diario xa que permitirá un aforro de tempo considerable ao dispoñer de todos os datos nunha única ferramenta e evitaranse duplicidades", asegurou e explicou que poderán consultar en todo momento os expedientes de forma ordenada, selectiva e centralizada, polo que accederán a toda a información dispoñible de cada caso, o que axudará a ofrecer unha atención presencial e mesmo telefónica de maior calidade. SOCYAL tamén permitirá unha xestión individualizada da súa axenda de citas e mesmo a xestión e información dos centros e espazos físicos dependentes da concellería, o que permitirá, entre outras cuestións, consultar a súa dispoñibilidade e facer reservas.


Esta ferramenta, conectada ao novo portal web de Servizos Sociais, será a que lle permita á cidadanía realizar determinadas xestións propias dunha administración electrónica. Desta forma, un veciño poderá pedir, consultar e anular cita a través da web, descargar impresos oficiais, realizar trámites ou mesmo consultar certos datos básicos do seu expediente social (historia social individual): "En definitiva, achegámonos á cidadanía e facilitámoslles o día a día converténdonos nunha administración próxima e eficaz", finalizou.

Tema: Xeral
Fonte: Concello de A Coruña
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal