Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Uso seguro das tecnoloxías da información e da comunicación

Máis de 4.800 mozos e mozas de 120 centros de ensino participaron en 2013 nos obradoiros de Xuventude sobre a internet segura


  • Coincidindo co Día internacional da Internet segura, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou un destes obradoiros no Instituto de Pontepedriña de Santiago

  • Rodeiro resaltou que “os datos que se soben a Internet, como comentarios ou fotografías, poden permanecer na rede durante moito tempo, aínda mesmo despois de eliminalos”

  • No obradoiro reflexiónase sobre os coñecementos da mocidade en materia de seguridade dixital e tamén se tratan aspectos relacionados cun uso responsable das redes sociais

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 12/02/14 (08:25)

Máis de 4.800 mozos e mozas de 120 centros de ensino de educación secundaria de toda Galicia participaron en 2013 no obradoiro ‘Uso seguro das tecnoloxías da información e da comunicación’, que imparten os técnicos do servizo Quérote + da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar.


Coincidindo co Día internacional da Internet segura, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou un destes obradoiros no Instituto de Pontepedriña de Santiago, no que están a participar 60 alumnos de segundo da ESO.


Ovidio Rodeiro resaltou que “os datos que se soben a Internet, como comentarios ou fotografías, poden permanecer na rede durante moito tempo, aínda mesmo despois de eliminalos, de aí a importancia de coidar os datos persoais, preservar a intimidade e, en ningún caso, publicar contidos que poidan ferir a outras persoas”.


Esta acción formativa comeza cunha enquisa previa sobre o uso e as actitudes dos mozos e mozas en relación coas redes sociais e os dispositivos e aplicacións que utilizan para comunicarse, como o smartphone ou o whatsapp.


A través deses datos reflexiónase cos alumnos sobre os seus coñecementos en materia de seguridade dixital, centrándose en materias como a lectura dos contratos de servizo das aplicacións, as opcións de privacidade ou os contrasinais seguros, entre outros.


Ademais, neste obradoiro tamén se tratan aspectos relacionados cun uso responsable das redes sociais, como o número de persoas agregadas, o tipo de foros engadidos, os criterios para decidir quen pode visitar o perfil e os principios básicos para unha ciberconvivencia construtiva e saudable.


O Día internacional da Internet segura está promovido pola Comisión Europea e celébrase en máis de 70 países de todo o mundo, co obxectivo de impulsar un uso responsable e seguro das novas tecnoloxías. Neste sentido, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado sumouse á campaña europea ‘No hate speech’ (non ao discurso do odio) contra a intolerancia en Internet.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal